O grupo municipal convoca a todas as persoas interesadas na materia a asistir a unha xuntanza monográfica o próximo mércores.

 

A Comisión de Pleno celebrada este venres no Concello de Ourense abriu un prazo para que os grupos municipais presenten emendas á nova ordenanza municipal sobre tenza de animais perigosos do Concello de Ourense redactada polo actual equipo de goberno. “Dende Ourense en Común, a priori, vemos con bos ollos este tipo de ordenanzas. Con todo debemos insistir en que nestas debe primar a socialización e información da singularidade deste tipo de animais fronte a sanción”.

«Calquera regulamentación debe estar baseada na realidade social, non poden ser inmóbiles senón permeables”, esta é a razón fundamental pola que dende Ourense en Común pretenden abrir á cidadanía o proceso de emendas ao texto presentado polo goberno popular. “Estamos perante unha ordenanza redactada en 2015 pero construída sobre normas obsoletas elaboradas fai máis de dúas décadas”.

Co obxectivo de facilitar o acceso ao texto e facer lexible o mesmo ás veciñas do municipio, Ourense en Común ten habilitado dous foros de debate en internet e recibirá emendas tamén no seu correo-e ourenseencomun@ourense.gal. Asemade fai un chamamento público a participar na xornada monográfica de debate que se celebrará o próximo mércores ás 20h na súa sede nas Burgas.