Presentación de Enclave de Cámara

O vindeiro mércores iníciase o ciclo de concertos Enclave de Cámara, organizado polo Concello de Ourense.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, presentaron o III ciclo de música de cámara Enclave de Cámara, acompañados do asesor cultural do ciclo, Patrick Alfaya. O ciclo componse de oito concertos que se irán programando no Teatro Principal o primeiro xoves de cada mes ata xuño.

Segundo explicaba Patrick Alfaya, seis das actuacións son puramente concertos de cámara e as outras dúas recitais de piano. Nos programas hai obras “desde los comienzos de la música de cámara, con Haydn y Boccherini hasta Wolfgang Rihm, compositor alemán vivo”.

Puntualmente, o primeiro concerto do ciclo terá lugar en mércores e non xoves, o 30 de setembro. O programa que presentan a soprano Marta Mathéu e o pianista Francisco Poyato céntrase na figura de Enrique Granadas e no nacionalismo musical.

Ao longo dos vindeiros meses, alternaranse no escenario do Teatro Principal cuartetos de corda, pianistas, ensembles, dúos ou tríos. Así, pasarán por Ourense o Cuarteto Brentano, ]W[ Ensemble, o pianista Enrique Bagaría, o Dúo Amarpo Lacruz e Andreu Riera, o Trío Lorca, o Cuarteto Carducci, o pianista Paul Lewis e o Cuarteto Lyskamm.

Todos os concertos darán comezo ás 20:30 horas e o prezo das entradas oscila entre os 5 e os 8 euros. A concelleira de Cultura indicou que se facilitará “a asistencia gratuíta a escolares de centros educativos e musicais”.

O alcalde, pola súa banda, agradeceu á Deputación que ceda gratuitamente o Principal para estas actuacións , eresaltou a “calidade indiscutible” o Enclave de Cámara, “cita cultural que confiamos consolidar como cita fixa na axenda”.