O vicesecretario de acción sectorial do PP asegura que “queremos axudar a que as cooperativas funcionen máis e mellor”.

“Quen non escoita non entende e se non entendes non podes acertar despois nas propostas de goberno”. Así explicou Javier Maroto, vicesecretario de acción sectorial do PP, a reunión mantida hoxe en Ourense cos representantes dunha decena de cooperativas da provincia, coas que se comprometeu a trasladar as súas inquietudes e propostas “para que poidan funcionar máis e mellor e con máis garantías de éxito”.

Javier Maroto destacou que a recuperación económica e a creación de emprego “están a permitirnos devolver ás persoas todo o esforzo realizado e agora temos que reverter todo ese sacrificio en políticas sociais e a todos os sectores de actividade”, entre eles o cooperativismo “que achega valor e contribúe ao crecemento”.

Nesta mesma liña expresouse o presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, quen subliñou a enorme importancia que na provincia ten o sector cooperativista.

Javier Maroto escoitou con atención aos representantes da decena de cooperativas que se deron cita no centro cultural Marcos Valcárcel, ás que agradeceu a oportunidade de facer un diagnóstico compartido do sector.

Entre as cuestións expostas polos asistentes cabe sinalar a falta de substitución xeracional nas cooperativas polo despoboamento do rural, a necesidade de flexibilizar o número mínimo de socios necesarios para crear a súa posta en marcha, permitir a contratación de máis traballadores por conta allea, reducir os trámites burocráticos, a reforma da fiscalidade, medidas que faciliten o acceso dos mozos á terra para poñer en marcha novos proxectos ou ampliar os xa existentes e, sobre todo, máis formación e información sobre o concepto do cooperativismo.