ARI Serra San Mamede, Inmaculada

Os propietarios dos 123 edificios e 511 vivendas poderán pedir así subvencións para a súa rehabilitación.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta de Galicia vén de comunicar oficialmente a declaración da nova Área de Rehabilitación Integral (ARI) Serra San Mamede – Cruceiro Quebrado – Inmaculada, aprobada por resolución do IGVS con data 15 de setembro de 2015.

Esta nova ARI únese ás outras tres existentes no concello (Casco histórico, Seixalbo e Polvorín – Camelias – Carballeira) logo dun longo proceso de tramitación iniciado no 2010 e demorado por facese dacabalo entre os Plans Estatais de Vivenda 2009 – 2012 e 2013 – 2016. Finalmente, e a requerimento do IGVS, o ámbito territorial da nova ARI tivo que ser notablemente reducido e abarca 123 edificios e 511 vivendas no territorio Serra San Mamede – Cruceiro Quebrado – Inmaculada.

Con esta declaración ábrese a posibilidade de que ditos edificios poidan participar nas actuacións do Programa de Fomento da Rexeneración e Renovación Urbana do vixente plan de vivenda, tendo a posibilidade así de acadar subvencións para a súa rehabilitación. Así mesmo, o Concello de Ourense poderá obter subvencións para co financiar a execución de obras de urbanización ou re urbanización dentro do ámbito territorial da ARI.

Polo de agora, desde o Concello de Ourense solicitouse xa de maneira oficial a primeira fase de actuación nesta nova ARI, estando pendente da súa aprobación e da sinatura do correspondente acordo entre as tres administracións (estatal, comunidade autónoma e local).

Unha vez concretado dito financiamento, o Concello abrirá unha convocatoria pública para que todos aqueles propietarios de edificios e comunidades de propietarios cuxos edificios se atopen dentro da delimitación territorial da nova ARI soliciten participar nesta primeira fase e obter as subvencións que procedan.

Nos vindeiros días iniciarase a campaña informativa con reunións nas asociacións de veciños afectadas por esta nova ARI para explicar o proceso que deben seguir todos os interesados.

En todo caso, e perante a brevidade dos prazos que se prevén para a realización de todos os trámites administrativos e para a execución material das obras (que deben estar rematadas e xustificadas antes do 31 de decembro de 2016), aconséllase que todos aqueles propietarios ou comunidades que puidesen ter interese en participar na convocatoria soliciten a información personalizada no Servizo de Rehabilitación, VPP e PERIs da Área de Urbanismo do Concello de Ourense, na rúa Primavera 1.