Presentación das xornadas de comercio

O colectivo que preside Gómez Villar organiza unhas xornadas de debate sobre o comercio protagonizadas por axentes externos.

 

Os comerciantes de Ourense queren abrir unha nova era, deixando atrás “a etapa tan dura que vimos de pasar”, en referencia a crise económica, que afectou de xeito profundo a un dos sectores vitais para a economía ourensá, segundo afirmou o presidente da Federación de Comercio, Aurelio Gómez Villar, na presentación dun ciclo de xornadas que se desenvolverán no Centro Cultural da Deputación baixo o lema xenérico de “Ourense é comercio”. Considera o momento actual como acaído polo cambio na coiuntura socioeconómica, xa que “levamos 16 meses de recuperación”, ainda que admitiu que é leve e con números modestos.

A iniciativa resulta novidosa, pois segundo palabras do propio Gómez Villar, “debe ser a primeira vez que se organizan mesas de debates para falar de comercio sen que nelas esté presente ningún comerciante”. A idea está concebida para “difundir un novo xeito de coñecer e redescubrir a importancia do comercio ourensán, reivindicar a sua esencia e modernidade, o seu valor e a sua capacidade de xerar riqueza, transmitir unha visión estética optimista e orgullosa ou a sua importancia para facer as ciudades máis habitables”, entre outros obxectivos.

Ademais, o presidente dos comerciantes apuntou a pretensión de “escoitar a opinión dos cidadáns para saber que pensan e como nos ven”. Destes debates agardan extraer conclusións que serán incorporadas polo colectivo para reflexionar sobre elas. Como parte desa nova andaina, apunta que “queremos ser proactivos e crear alianzas e aproveitar sinerxias con outros sectores e colectivos; queremos opinar e ser consultados sobre as cousas que importan a Ourense”, engadiu Gómez Villar.

Xornadas
As xornadas terán lugar no Edificio Simeón e nelas participarán persoas representativas da cidade e da provincia, que aportarán a sua visión sobre o comercio e a sua imbricación na sociedade.

A primeira (venres, 2 de outubro ás 20,30 h.) estará moderada por Ramón Blanco Fortes, director de Radio Líder en Ourense, coa participación de Alberto de Paula, presidente do Colexio de Arquitectos en Ourense, que falará sobre “a visión de espazos urbanos singulares”; Afonso V. Monxardín, profesor, que se referirá ó comercio no relato cultural das ciudades; Andrés Mazaira, profesor, que o fará sobre “comercio e turismo: un longo camino”; Manuel Cabaleiro, psiquiatra, que se centrará no “efecto das compras na saúde social”; Manuel Cabezas, ex alcalde, falará de “sensibilidade e aposta dos xestores públicos”; Maribel Outeiriño, xornalista, que abordará “o comercio e cómo somos; e, por último, Pedro Seara, presidente da Asociación de Propietarios de Fincas Urbanas, que falará de “pensar en negocio ou en compromiso social”.

A segunda xornada (xoves 8 de outubro ás 20,30 h.) o debate levará por título “Comerciantes fóra de serie”, na que participarán tres persoeiros de recoñecidas series de televisión nas que representan papeis de comerciantes.

A terceira xornada (mércores, 21 de outubro, ás 20,30), consistirá na “Gala dos comerciantes ourensáns”. Segundo Aurelio Gómez Villar, trátase de homenaxear a unha vintena de comerciantes da provincia que se teñan distinguido polo seu labor ó longo do tempo. O nome dos premiados será decidido por un xurado e o galardón consistirá nunha peza artística con referencias a Ourense, que será presentada próximamente. Como colofón está prevista unha degustación de “sabores de Ourense”.

O presidente dos comerciantes ourensáns destacou a colaboración prestada pola Xunta a través da Dirección Xeral de Comercio, da Deputación, “xa que as suas aportacións permítennos levar a cabo a programación de eventos de xeito estable”. Manifestou a súa esperanza de poder contar “nun breve prazo de tempo” cun acordo co Concello de Ourense, que trascenda a colaboración para eventos concretos que manteñen na actualidade. Na presentación das xornadas estiveron presentes o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o delegado da Xunta, Rogelio Martínez.