As obras afectarán ás rúas Maior, Amaro Refojo, Cale Cruz e Lisa; e están valoradas en 297.000 euros, dos que o Concello subvencionará aproximadamente o 50%.

 

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, presentou dúas importantes medidas enfocadas á rehabilitación do centro histórico de Verín: un plan de rehabilitación de fachadas do Centro histórico e un convenio de colaboración coa diocese de Ourense para reordenar a contorna da Igrexa Santa María a Maior de Verín.

Gerardo Seoane comunicou que, o vindeiro mércores 9 de outubro, asinarase un convenio de colaboración coa diocese de Ourense para realizar un concurso de ideas a nivel nacional, enfocado a arquitectos, co obxecto de ordenar na contorna da igrexa Santa María a Maior de Verín. “O que queremos é poñer en valor a igrexa, buscar unha vía de comunicación entre a rúa Maior e a Alameda xunto con outros puntos de unión ao redor da igrexa e a Praza de García Barbón” explicou Seoane. En canto ás participacións, a Igrexa achegará os terreos e algún edificio e o Concello de Verín encargarase da obra de rehabilitación e reordenación.

Por outra banda, Seoane anunciou que se está realizando un plan de rehabilitación das fachadas da rúa Maior, Amaro Refojo, Cale Cruz e a rúa Lisa. O alcalde explicou que o plan consiste en arranxar fachadas e carpintería para mellorar e homoxeneizar a imaxe do Centro histórico. Dos 128 edificios que hai nas rúas citadas actuarase sobre 81. “As obras están valoradas en 297.000 euros dos que o concello, unha vez aprobe o próximo orzamento, incluirá unha cantidade enfocada a subvencionar, aproximadamente o 50%.”, explicou Seoane.

Homenaxe aos irmáns Sulleiro
Para finalizar, o alcalde informou da intención de organizar unha homenaxe aos irmáns Sulleiro, Don Jorge e Don Manuel, párrocos veteranos da Parroquia de Santa María a Maior. “En principio queremos facelo o 22 de decembro, coincidindo coa data na que Don Manuel cumpre 50 anos de cura”, explicou. A proposta levarse a pleno e propoñerase nomear fillos predilectos da Vila de Verín aos dous párrocos e, en colaboración coa igrexa, realizarase a homenaxe.