O proxecto conta cun orzamento de 143.000 euros.

Despois das melloras efectuadas na Casa do Escudo de Verín co obxecto de convertela nun albergue de peregrinos da Vía da Prata, por parte da Axencia do Turismo de Galicia, vén de iniciarse a segunda fase de rehabilitación do mesmo. Unha obra que dende o grupo do PP de Verín lembran que foi impulsada durante a súa estadía ao fronte do goberno municipal.

Na primeira fase de remodelación incrementouse o número de camas, creáronse novos servizos e mellorouse a accesibilidade ao edificio. Pola súa banda, nesta segunda contémplase a mellora das condicións do existente así como a redistribución das estancias do albergue.

O proxecto conta cun orzamento de 143.127,19 euros, e entre as actuacións que se levarán a cabo están a creación dun espazo destinado a zona de estar-comedor-cociña, redistribución do dormitorio e baño de discapacitados, construción dun vestíbulo de acceso á rúa, adecuación dun almacén para as mochilas e bicicletas dos peregrinos, xeración dunha zona de recepción do albergue, acondicionamento dos dormitorios da primeira planta, acondicionamiento do patio da Casa do Escudo e reparación da cuberta do edificio, entre outras.

“Isto sen dúbida vai mellorar a estancia e a atención a todos os peregrinos que veñen a través do camiño Portugués e da Ruta da Prata que conflúen na nosa vila”, indica Juan Manuel Jiménez, portavoz do PP de Verín, “agardamos que o actual grupo de goberno siga recuperando e apoiando esta actividade tan importante para o noso concello”, conclúe.