A Xunta investiu nestas melloras 38.000 euros e o Concello 19.000.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o alcalde de Maceda, Rubén Quintas, visitaron as obras levadas a cabo neste concello ao abeiro das axudas da Orde de infraestruturas de uso público da Vicepresidencia da Xunta.

Concretamente, trátase do acondicionamento e remodelación da praza de Alcatruz, un espazo público que articula a vida no centro da vila de Maceda e que nos últimos tempos estaba a sufrir unha importante deterioración. Así, instalouse unha nova pavimentación, acondicionáronse dúas zonas para axardinamento e prantación de árbores, colocáronse bancos e mellorouse a iluminación. O obxectivo desta intervención foi recuperar este espazo degradado e poñelo en valor, para así fomentar a recuperación urbana e social do municipio.

Segundo palabras do delegado territorial, grazas á orde de infraestruturas, dende a Xunta estase a apoiar aos concellos galegos para financiar infraestruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se presten servizos administrativos. Neste caso concreto a Xunta e o Concello aunaron esforzos para facer fronte aos máis de 57.000 euros que custou a intervención. O departamento autonómico achegou 38.000 euros.