Organizadas pola Asociación cultural e micolóxica de Celanova e a Asociación de mulleres rurais Maravalla, terán lugar na sala micolóxica Plan C os días 30 e 31 de outubro e 1 de novembro.

Estas XXX Xornadas Micolóxicas darán comezo o venres 30, ás 19:30 horas, coa conferencia do micólogo celanovés Alejandro Mínguez sobre “Xeneros seguros: boletus”.

O sábado, de 11:30 a 13:30 horas haberá unha saída ao campo para a recollida de exemplares pola zona; e ás 14 horas unha comida degustación (que ten un prezo de 15 euros e inclúe: ensalada de cantarelas, empanada de boletus, tenreira con variado de cogomelos á prancha, pan, sobremesa, bebida, café e chupiño).

Pola tarde, de 16:30 a 18:30 horas terá lugar a clasificación, identificación e montaxe da exposición. Á 19:30 horas dará comezo a conferencia de Ricardo Mínguez sobre “Trinta anos de cogumelos en Celanova”. E ás 20:30, celebrarase a asamblea xeral da Asociación cultural de micolóxica de Celanova, abordando propostas de continuidade.

Xa ás 21:30 horas comezará a cea degustación (cun prezo de 12 euros, e que inclúe: croquetas de boletus, revolto de cogomelos variados, parrillada de porco e polo con cogomelos, pan, sobremesa, bebida, café e chupiño).

Por último, o domingo 1 de novembro, terá lugar a exposición de exemplares reais e obxectos relacionados cos cogomelos, que estará aberta ao público de 18 a 24 horas.

Inscrición previa

Os interesados en participar nalgunha das actividades deben inscribirse ata o 28 de outubro en cogomelosdegalicia@gmail.com ou no 650 79 36 85.