A Asociación Escola Rural de Saúde da Limia organiza catro talleres para axudar a afrontar esta nova etapa da vida.

Coa finalidade de abordar adecuadamente as necesidades, funcións e responsabilidades das persoas que están a vivir a súa futura maternidade ou paternidade, A Asociación Escola Rural de Saúde da Limia pon en marcha o “Programa de atención integral ante a maternidade”, con catro talleres nos que se pretende abordar a saúde de maneira completa, incluíndo aspectos físicos, psicolóxicos, burocráticos e prácticos.

Mellorar o acceso á formación e información e un compromiso de servizo coa calidade de atención á maternidade son os obxectivos que persegue a asociación, que conta coa colaboración de profesionais de diferentes especialidades e o apoio dos Servizos Sociais do Concello de Xinzo, así como coa subvención da Deputación Provincial.

A primeira destas actividades terá lugar o 28 de outubro, e tratará sobre o afrontamiento psicolóxico da maternidade. A segunda, afrontará os trámites burocráticos necesarios tras o nacemento, que se impartirá o 4 de novembro. A saúde bucal da nai e o bebé será o tema do terceiro taller, que terá lugar o día 11. E, por último, os sistemas de retención infantil abordaranse no cuarto, o 18 de novembro.

Todos terán lugar de 19 a 20:30 horas na Casa da Cultura de Xinzo, e requiren de inscrición previa, que pode realizarse nesta mesma instalación, no 603784435 ou en escolaruraldesaudedalimia@yahoo.es.