A Carreira popular do San Martiño, que chega a súa 39ª edición, celebrarase o 15 de novembro e xa conta con máis de 1.000 inscritos.

O domingo 15 de novembro celebrarase a 39ª edición da Carreira pedestre popular da San Martiño. Convertida xa nunha cita deportiva de referencia a nivel nacional -está homologada pola Federación Española de Atletismo- e internacional, a carreira de 10 km polas rúas da cidade é tamén dun evento social de primeira orde en Ourense. A proba, en palabras de Mario Guede, concelleiro de Deportes, “é o peche do ciclo de todos os Correndo por Ourense, que rematan o 25 deste mes cun circuíto na Carballeira”.

Logo dos “máis de 10.000 inscritos da edición anterior, 2.215 deles con ADN ourensán”, como apuntaba o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, para 2015 agárdase aumentar a participación, segundo as previsións de Marta Míguez, coordinadora do Consello Municipal de Deportes.

A presentación da carreira contou coa presenza de todos os patrocinadores, a quen o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quixo agradecer especialmente a súa implicación no proxecto, “porque sen a súa achega non poderíamos estar presentando a carreira do San Martiño”.

Categorías
A carreira terá tres categorías: cativos (menores de 8 anos), que percorrerán unha distancia de 1.400 metros; escolares (9-16 anos), para os que a organización deseñou un circuíto de 4.700 metros; e adultos (a partir de 17 anos), cunha distancia por diante de 10.000 metros. A saída producirase desde a ponte do Milenio, de forma escalonada para non se molestar, e na categoría de adultos haberá códigos de cores coas diferentes marcas persoais. Uns globos de helio axudarán a ir controlando o tempo durante o percorrido. A meta estará situada no pavillón dos Remedios.
A primeira en dar o pistoletazo de saída será a proba absoluta (11 horas). Ás 12.30 horas será o turno das categorías escolares e finalizarán os máis cativos ás 13.15 horas.

Inscrición
Para anotarse na carreira haberá que inscribirse na web deportesourense.com até o 31 de outubro (cun prezo de 3 euros para a carreira de 10 km), ou do 1 ao 8 de novembro (cun prezo de 5 euros). As carreiras escolar e de cativos serán de balde para todos os que se anoten.

O prazo de inscrición para optar á recollida anticipada de dorsal, chip e camiseta permanece aberto ata o 31 de outubro. O Consello Municipal de Deportes ten varios puntos de entrega de dorsais e chips en toda Galicia e no norte de Portugal, amais da zona de Ponferrada. A recollida anticipada de chips será os días 12, 13 e 14 de novem-bro de 2015 nos puntos acordados.
Os que recollan en Ourense o seu dorsal (e o chip quen non o posúa en propiedade) deberán facelo na cancha central do pavillón dos Remedios entre o venres 13 -de 16 a 20h- e sábado 14 -de 9 a 20h-. “Baixo ningún concepto se entregarán os chips o mesmo día da carreira”, sinalaba Marta Míguez, “para evitar aglomeracións de última hora que non poidamos controlar”.

Premios e trofeos
Haberá trofeos e premios económicos para os tres primeiros atletas de cada categoría, incluíndo un exclusivo para cidadáns de Ourense, e premios en material escolar para os colexios mellor clasificados. Igualmente, haberá un premio de 500 euros para quen bata o récord da San Martiño (establecido desde 2010 en 28:49 minutos en categoría masculina e 32:45 minutos en feminina), e tamén para os máis rápidos (home e muller) nos 5 km. Acadarán este premio os que pasen primeiros no quilómetro 5 e rematen a proba.

Feira do corredor, Carreira solidaria e Voluntariado
Previa á San Martiño, este ano celébrase a IV Feira do corredor, pensada para que os participantes teñan á súa disposición información práctica sobre aspectos da saúde, organizativos e mesmo tecnolóxicos mentres recollen os seus dorsais. Este ano a feira amplíase ata o propio día da carreira.

Ademais recolleranse alimentos que entreguen os cidadáns de forma solidaria, e que serán doados posteriormente ao Banco de Alimentos. O ano pasado alcanzouse a cifra de 2.500 quilos.
Outra das opcións que teñen os insritos na carreira será a de poder aparcar o seu vehículo no aparcadoiro do Centro Comercial Ponte Vella de maneira gratuíta. Esta é unha iniciativa que comezou o ano pasado.

Organización
No eido organizativo, a San Martiño volverá contar coa colaboración da Policía Local, repartida ao longo de todo o percorrido, e da Concellería de Voluntariado, que porá a disposición da organización todos os voluntarios que se anoten, antes do día da carreira, tanto nos Remedios coma na propia Concellería, na praza de San Martiño. Todo para que a proba siga sendo un referente.