A Eurocidade intégrase na asociación de vilas termais históricas

A Eurocidade pasa a formar parte, como membro activo, da Asociación Europea de Vilas Termais Históricas (EHTTA).

 

A aceptación da AECT Chaves-Verín como membro da EHTTA decidiuse na Asemblea Xeral que a asociación celebrou en Bursa (Turquía) omartes día 20 de outubro por aprobación unánime de todos os seus membros. A experiencia da AECT na xestión de proxectos transfornterizos enfocados ao desenvolvemento conxunto de ambos os municipios mediante a creación dunha marca de territorio conxunta “Visit Chaves-Verín, eurocidade da auga” e o seu galardón pola Comisión Europea como mellor experiencia de cooperación territorial foron determinantes para a súa incorporación á asociación.

A incorporación da AECT nesta prestixiosa asociación europea suporá varios beneficios para o destino transfronteirizo Chaves-Verín. Entre eles, formar parte do itinerario cultural europeo “Ruta cultural polas vilas históricas termais”, que despois do camiño de Santiago, é a maior ruta cultural promovida polo Consello de Europa, así como da única rede europea de vilas termais que representa de forma común os seus intereses en canto a desenvolvemento económico e protección patrimonial

Estar integrado na EHTTA tamén facilitará á Eurocidade estar en contacto permanente coas principais institucións europeas así como con outras rutas culturais europeas e outras asociacións profesionais na protección do patrimonio, cultura, turismo e termalismo, e un maior acceso a oportunidades de financiamento a través de fondos comunitarios.

Un aumento da visibilidade do destino transfronteirizo termal e da auga será outro dos beneficios para Chaves e Verín, que tamén poderán promover a súa oferta turística entre os principais touroperadores de Europa.

Formar parte da Asociación Europea de Vilas Termais Históricas ofrece tamén promoción e posicionamento nas principais feiras turísticas e eventos culturais internacionais, e estar presente en todos os materiais internacionais editados pola asociación e nas súas campañas de promoción.

A EHTTA foi creada en Bruxelas no 2009 e é a rede europea que concentra ás 30 vilas termais históricas máis importantes de Europa distinguidas pola súa historia, arquitectura e patrimonio termal así como polas súas augas mineiro medicinais. Entre elas: Vichy (Francia), Baden Baden (Alemaña), Bath (Reino Unido), Spa (Bélxica), Budapest (Hungría), Acqui Terme (Italia), Bursa (Turquía), e Ourense capital, entre outras.