Inicio das xornadas ferroviarias

Os 60 participantes ás actividades terán a oportunidade de coñecer os distintos aspectos relacionados co mundo do ferrocarril.

 

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, xunto co Xefe de División de Recursos Naturais da Cámara Municipal de Viana do Castelo, Jose Paulo Dantas Vieira; o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Óscar Iglesias Pérez; e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, inauguraron as Xornadas Ferroviarias “El patrimonio ferroviario como tractor de produtos turístico-culturales” que teñen lugar os días 22 e 23 de outubro na estación de tren de Baños de Molgas.

Rosendo Fernández destacou durante o acto a importancia deste tipo de actividades para “apostar pola promoción turística das estacións en base aos usos para os que foron dotadas, dende auténticos museos itinerantes de tradición e paixón como é o Museo do Traxe Tradicional Galego e o Museo do Automóbil-Estanislao Reverter, ata a recreación da historia do ferrocarril na “Aula-Museo do Ferrocarril” pasando por unha homenaxe a Moncho Borrajo descubrindo ao artista e á persoa en todas as súas facetas co Museo Moncho Borrajo; sen esquecer outras estacións dedicadas a albergues turísticos”.

As actividades comezaron este xoves: os 60 participantes inscritos asistiron á exposición do Proxecto de Estacións a Estacións Vivas da man de Jose Paulo Dantas e José Manuel Rodríguez González, que explicaron o desenvolvemento deste proxecto. Posteriormente, emitiuse o documental “Carrilanos, los túneles de un tiempo”, de Rafael Cid Fernández, que comentou a proxección. Ao final do día terá lugar un debate-coloquio. O venres, aas actividades comezan ás 9:30 horas coa fabricación de ferrocarrís en miniatura e a xornada rematará cunha visita ás estacións dos Peares e Santa Cruz de Arrabaldo.

Estas xornadas enmárcanse dentro do proxecto europeo “Estaciones Vivas” que consistiu na rehabilitación de seis infraestruturas ferroviarias en desuso de Baños de Molgas, Castrelo do Val, Santa Cruz de Arrabaldo, Os Peares, Vilar de Barrio e Vilavella, así como o Funicular de Santa Luzia en Viana do Castelo.

Durante estas xornadas na estación de Baños de Molgas trataranse “os distintos aspectos que están relacionados co mundo do ferrocarril dende o punto de vista etnográfico, histórico, cultural e patrimonial”, tal e como asegurou na presentación Francisco Gil, o seu coordinador.