As melloras producíronse mediante un convenio asinado entre a Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación e o Concello de Celanova, por un importe de 250.000 euros.

 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou este luns as obras realizadas no campo de fútbol de Celanova, actuacións financiadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación de Ourense e o Concello de Celanova. Na visita, o secretario xeral estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Mª Sol Díaz Mouteira, polo deputado de Deportes, Juan Anta, e polo alcalde da localidade, José Luis Ferro.

A actuación supuxo un investimento de 250.000 euros e consistiu na substitución da base de terra por unha de céspede artificial, ampliándose tamén a súa superficie, e coa que se mellorarán a calidade e dimensións da dotación deportiva o que permitirá a súa utilización por un maior número de usuarios.

Visita A Peroxa
A axenda do secretario xeral completouse cunha visita á localidade de A Peroxa, para coñecer o resultado das obras de construción da cuberta da bancada do campo de fútbol de “O Marco”, que precisaron dunha inversión de máis de 41.000 euros.

O titular de deportes da Xunta, animou aos responsables do goberno local a seguir traballando no fomento do deporte, en colaboración coas entidades deportivas, estendendo a súa práctica a todos os sectores da poboación como ferramenta de saúde e de crecemento persoal.