Xornada sobre viticultura ecolóxica en Monterrei

Albarellos de Monterrei acolleu unha xornada sobre viticultura ecolóxica promovida conxuntamente entre a Denominación de Orixe e a EVEGA.

A Denominación de Orixe Monterrei e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), dependente da Consellería do Medio Rural, desenvolveron na localidade de Albarellos de Monterrei unha xornada sobre viticultura ecolóxica que levou por título «Tendencias actuais en viticultura. Viabilidade do cultivo ecolóxico en Galicia».

Na clausura da xornada participou Luis Miguel López Núñez, técnico da Denominación de Orixe Monterrei, quen puxo en valor a colaboración existente entre a EVEGA e a propia DO de cara a pór en marcha diferentes accións dinamizadoras no ámbito xeográfico da denominación. “Trátase da cuarta xornada desenvolvida conxuntamente entre ambas as entidades e a experiencia non pode ser máis positiva”, destacou López Núñez.

O técnico da DO lembrou tamén que a xornada enmárcase no obxectivo de potenciar as actividades formativas e informativas dirixidas aos viticultores, bodegueiros e profesionais vinculados ao mundo do viño de Monterrei; un dos eixos estratéxicos da Presidencia de Asunción Rodríguez Zarraquiños.

O evento celebrouse na casa da Cultura de Albarellos e contou, tamén, coa colaboración do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL) e do Concello de Monterrei, cuxo alcalde –José Luis Suárez- participou tamén no acto de clausura, xunto con Yago Borrajo, xefe territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense, e Juan Manuel Casares, director da Evega.

Diferentes expertos
A xornada  tivo como obxectivo revisar a actualidade da viticultura ecolóxica e a súa viabilidade en Galicia e contou coa participación de diferentes expertos da Universidade Politécnica de Madrid, da propia EVEGA e da Universidade de Vigo.

O programa do foro incluíu, ademais, a presentación dos resultados obtidos no marco do proxecto “Potenciación da viticultura ecolóxica en Galicia”, desenvolvido pola EVEGA en colaboración coa Universidade de Vigo e con financiamento do INIA.

Durante a xornada tamén, se celebrou unha mesa redonda onde representantes das bodegas Gargalo e Quinta da Muradella xunto ao viticultor Iago Garrido, relataron as súas experiencias. A xornada, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (FEADER), pechouse cunha cata de viños das distintas modalidades de cultivo.