Presentación do festival de xadrez

Prevese a participación de 300 xogadores entre 6 e 18 anos nesta proba puntuable para o circuíto galego.

 

Baixo o lema “Deporte e Ciencia para a Xuventude” chega á cidade á oitava edición do Festival Internacional de Xadrez “Ourense 2015” que terá lugar o vindeiro domingo día 1 de novembro en Expourense. Este torneo é a penúltima proba puntuable do Circuíto Galego 2015, que se ven disputando dende maio ata novembro pola xeografía galega e composto por 15 probas puntuables desputadas ao longo de toda Galicia. Logo de 8 anos, este festival é xa unha proba completamente consolidada no calendario galego.

Este festival foi presentado nun acto ao que asistiron o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede, o director do Clube Xadrez Ourense, Elías González, e a directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez. Todos eles sinalaron a Ourense como berce de grandes xadrecistas destacando a figura de Iván Salgado, Gran Mestre, ou de Martón Gómez que desputa estes días en Grecia o Campionato do Mundo. O concelleiro de Deportes indicou que “este festival é unha cita inaludible para todos os federados e pon en valor que Ourense é unha cidade con talento nesta disciplina”. Pola súa parte, a directora de Administración de Expourense destacou que “actividades coma esta dinamizan ademais a vida socioeconómica de Ourense, xa que despraza a moitas familias de fóra que aproveitarán para visitar a cidade e os seus establecementos hoteleiros. Este festival conta ademais coa presenza de xogadores de Portugal, co que se reforza a cooperación transfronteiriza que é un aspecto que potenciamos en todas as actividades que promovemos dende Expourense”.

O director do Clube Xadrez Ourense, Elías González, sinalou que “Ourense é xa unha referencia nacional como canteira de xadrecistas” e destacou o feito de que “30 centros escolares da provincia xa teñen o xadrez como actividade extraescolar o que vai contrubuír á introducción progresiva do xadrez nas aulas”.

Organizado por Expourense e coa dirección técnica do Club Xadrez Ourense, a oitava edición deste Festival contará con entre 250 e 300 participantes, que serán mozos e mozas de entre 6 e 18 anos, escolares e federados procedentes de toda Galicia, Castela León e Portugal. Esta proba conta co patrocinio do Concello de Ourense e do seu Consello Municipal de Deportes.

O evento contará preto de 50 xoves deportistas con ránking internacional feito que, unido á calidade dos premios e a cantidade dos deportistas reunidos convirte a esta cita ourensá nunha das tres máis relevantes citas do panorama Nacional para xoves.

Todos aqueles que desexen participar neste torneo aínda poden facelo ata o venres día 30 de uutubro ás 15.00 horas. A inscrición é gratuíta e pode facerse a través do envío dun mail a traxerxadrez@hotmail.com

Poderán participar neste festival os xogadores nacidos dende o 1997 en adiante. O torneo comezará o Domingo 1 de Novembro ás 11.00 da mañá co recibimento aos participantes e coa indicación das directrices técnicas por parte da dirección técnica. A competición xogarase polo Sistema Suizo a 7 roldas.

Obterán trofeos especiais os cinco primeiros clasificados de cada categoría. Todos os participantes recibirán un trofeo conmemorativo da súa participación neste festival. A organización ten preparados numerosos sorteos e premios sorpresa entre os participantes.

A entrega está prevista sobre as 19.30 horas do domingo.