Desenvólvense o venres 30 e sábado 31 de outubro na sede da Fundación Vicente Risco de Allariz.

 

As Xornadas Romasanta centraránse este ano, na súa quinta edición, no «Sacauntos» e no uso do corpo humano como medicamento. Terán lugar os días 30 e 31 de outubro na Fundación Vicente Risco.

No programa inclúense conferencias de Anastasio Rojo, catedrático de Historia da Ciencia, sobre «O corpo humano entendido como farmacia»,  e outra do profesor Luís Antonio Giadás sobre «Os boticarios como sacauntos». Tamén haberá unha mesa redonda coa participación de Antonio Roma Valdés, Consuelo Castro Rei e Cástor Castro Vicente, e outra con Francisco Serrulla Rech e Felix Castro Vicente.

A lectura de micorrelatos de terror dos participantes no concurso convocado pola libraría Aira das Letras pechará a primeira xornada (na praza Maior de Allariz a partir das 22 horas), e a proxección da película «Sweeney Todd. O barbeiro demoníaco da rúa Fleet» porá fin ás xornadas o sábado ás 21:30 horas.

Relatos

Por outra banda, en colaboración coa editorial Urco, é intención da organización facilitar información ao escritores galegos e portugueses para que escriban unha serie de relatos curtos sobre a temática, que se publicarán no próximo mes de maio, e deste xeito contribuír ao desenvolvemento da literatura fantástica, xénero tan querido e practicado por Vicente e Antón Risco.