Nava Castro no Ribeiro

A directora de Turismo de Galicia resaltou o gran potencial enoturístico do territorio do Ribeiro, así como a importancia de seguir traballando pola mellora da calidade e a excelencia.

 

Nava Castro participou este xoves na presentación do novo material de promoción da Ruta do Viño do Ribeiro que tivo lugar no Centro Comarcal do Ribeiro, nun acto no que destacou o gran potencial enoturístico do territorio do Ribeiro, así como a importancia de seguir traballando pola mellora da calidade e a excelencia co obxecto de satisfacer as demandas dun público cada vez máis esixente.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que cada vez son máis os turistas que acoden a Galicia para entender a concepción dos viños. “O turismo enolóxico estase a converter na Comunidade galega nun dos nosos principais reclamos, xa que outorga unha experiencia orixinal ao englobar unha infinidade de posibilidades para todos os gustos e preferencias”, afirmou.

Así mesmo, Nava Castro fixo referencia ao Plan Integral de Turismo de Galicia a través do cal, segundo explicou, trabállase no fortalecemento e dinamizacións das adegas e viticultores das rutas dos viños de Galicia. “Na estratexia de centrar a oferta turística de Galicia no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos, se procura a activación e a dinamización turística dos territorios vinícolas”, sinalou.

Dentro das iniciativas desenvoltas para a dinamización e posta en valor dos territorios dos viños, Nava Castro destacou o propio desenvolvemento turístico das Rutas dos Viños de Galicia, das cales afirmou “conforman un referente en canto á enogastronomía e turismo de calidade”.

Nava Castro destacou que a posta en marcha de iniciativas de promoción, como a presentada pola Asociación da Ruta do Viño do Ribeiro, supoñen a posta en valor dun recurso que ten gran capacidade de atracción e que ao mesmo tempo é moi versátil, dado que pode complementarse con outros produtos ou experiencias enriquecendo así a oferta turística da nosa comunidade.

Material promocional
O novo material promocional presentado integra un Mapa enoturístico que será un instrumento para guiar ao turista polo territorio; un Caderno de Ruta, onde se atopa información adicional sobre cada un dos recursos da Ruta do Viño do Ribeiro; a páxina web www.rutadelvinoribeiro.com, que será a ferramenta de comunicación 2.0, accesible e con toda a información relevante, un recurso de comunicación dinámico onde atopar todos os eventos e noticias relacionados coa Ruta do Viño do Ribeiro. E, por último, as Cartas de Viño, que constitúen un elemento diferenciador para todos os establecementos asociados.