Dúas directivas da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense visitaron a vila para responder as dúbidas e críticas xeradas. O PSOE amósase crítico coa redución dunha enfermeira en Pediatría.

 

O centro de saúde de Xinzo de Limia continuará mantendo un cadro de persoal de enfermaría formado por 11 enfermeiras. Para clarexar as dúbidas xurdidas nalgúns usuarios e a raíz das críticas de distintos representantes políticos e sindicais, a directora de Procesos Asistencias sen Ingreso, Isabel Gómez, e a subdirectora de Procesos Asistenciais de Enfermería, Montserrat Souto, responsables directas da organización asistencial de Atención Primaria en Ourense, visitaron este luns a vila antelá para informar a un grupo de representantes dos usuarios sobre a organización asistencial de Xinzo, nunha reunión organizada pola Escola de Saúde.

Nesta reunión, as responsables da Xerencia de Xestión Integrada, reiteraron que o número de efectivos de enfermaría do cadro de persoal do ambulatorio de Xinzo de Limia manterase en 11 profesionais, o que garante a calidade asistencial tanto dos nenos en idade pediátrica como dos adultos, en todos os tramos horarios deste centro. Recordaron ademais que Xinzo conta cun Punto de Atención Continuada para atención de urxencias.

Xustifican os responsables sanitarios da provincia que a reordenación das funcións asistenciais do persoal de enfermaría correspóndese coa organización interna do propio servizo de Atención Primaria, “de cara a dar unha axeitada e áxil resposta asistencial, en función das necesidades reais que marca a actividade diaria para, deste xeito, adecuar os efectivos á actividade, destinando máis efectivos ás funcións con maior volume de consultas e poboación”.  O centro de saúde de Xinzo de Limia atende a 10.493 usuarios con tarxeta sanitaria deste concello. Deles o 25,6%, 2.696 usuarios, son maiores de 65 anos, e por tanto con maior risco de incidencia de polipatoloxía e cronicidade, e por tanto maior demanda asistencial, especialmente de enfermaría.

Críticas do PSOE de Xinzo
Con todo, esta reunión non foi ben acollida polo PSOE de Xinzo. A súa voceira, Elvira Lama, considera “indignante, lamentable e degradante o trato por parte do SERGAS e das técnicas que viñeron a tratar de explicar e convencer, das melloras de suprimir una enfermeira de Pediatría”.

“Nunha aula de reducidas dimensións pretenderon convencer, en base a números doutros centros de saúde, incluído algún da capital, que unha soa enfermeira pode atender a toda a poboación infantil da comarca da Limia, algo totalmente falso porque os da capital dispoñen a escasos minutos dun servizo de Urxencias no CHUO”, di Elvira Lama. “Máis da metade dos país e nais marcharon da reunión cabreados e indignados, por negarse as técnicas a baixar ao salón de actos de maior capacidade onde si cabían todos os asistentes, para poder seguir con atención as súas explicacións”, relataba.

Para a socialista a charla explicativa non fixo máis que confirmar que unha das enfermeiras de Pediatría pasa a ser enfermeira de Medicina de Familia e o servizo queda cunha soa profesional para dous pediatras,” todo por non contratar a unha enfermeira e cubrir a praza de unha xubilación de enfermeira de Medicina de Familia”, afirma a voceira socialista.

Os socialistas denuncian que “o PAC de Xinzo tampouco conta cun servizo de urxencias pediátricas, o cal fai que despois das horas de citas pola mañá, os cativos teñan que desprazarse ata Ourense, en caso de necesidade”.

“Estamos a falar dun colectivo moi vulnerable, polo numero de horas que precisan pasar polas mans dos pediatras e das enfermeiras, tanto para controis, como para vacinas, así como para o seguimento da saúde individual na infancia e a educación preventiva sanitaria dende os 0 meses ata os 14 anos”.

Para Lama, “os recortes nos servizos, a falta de contratación de máis profesionais por xubilacións, están provocando o desmantelamento da sanidade na comarca da Limia, que debe estar considerada pola xerente Sr. Eloina Nuñez como de segunda categoría, algo que dende o grupo municipal socialista non imos consentir”.