Vázquez Barquero considera que non é suficiente trasladar a problemática á reunión da Mesa de Mobilidade o vindeiro mes de febreiro.

Os socialistas solicitaron este mércores a través do Rexistro Xeral do Concello de Ourense a convocatoria urxente por parte do alcalde da xunta de voceiros co fin de tratar as medidas de seguridade a adoptar de xeito inmediato dende o Goberno municipal ante a recente vaga de atropelos acaecidos na nosa cidade.

Sen ir máis lonxe, nos últimos 22 dias houbo un total de 14 viandantes feridos na cidade, cunha media dun atropelo cada dous días, o cal está a xerar unha crecente alarma social entre os veciños da nosa cidade, «sen que dende o Goberno Municipal se adopten medidas concretas e urxentes como a situación o require; limitándose unicamente ao estudo da situación e ao traslado da problemática á Mesa de Mobilidade, cuxa vindeira reunión se celebrará, tal e como anunciaron, o vindeiro mes de febreiro, e na que inicialmente este non era un dos temas a tratar na orde do día», expoñen desde o grupo municipal socialista.

O seu voceiro, José Ángel Vázquez Barquero, considera que “ante a relevancia da situación e a falta de axilidade e interese na adopción de medidas de seguridade concretas por parte do Alcalde e o Goberno Municipal, faise necesario a convocatoria dunha reunión urxente de tódalas forzas políticas que compoñen a corporación municipal para prantexar estratexias conxuntas e instar a que se executen coa debida premura, para así evitar a situación de inmobilismo na que nos atopamos, que pode derivar nunha maior alarma cidadá.”