Bota a andar este 28 de xaneiro co Xoves de Compadres, e pecharase o domingo 14 de febreiro coa Piñata.

 

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e as concelleiras de Turismo e Cultura, Purificación Caldelas e Emilia Somoza, presentaron este venres a programación do Entroido de Verín 2016 na casa Consistorial.

En canto ao orzamento do entroido, Gerardo Seoane explicou que, os gastos son moi similares aos do ano pasado, ao redor das 100.000 euros. “O que sí que temos que destacar”, puntualizou Seoane, “é que aumentou significativamamente a recadación popular, tanto do libro como dos donativos, pasando de 22.274 euros a aproximadamente 40.000”. “A esta cantidade”, proseguiu o alcalde verinense, “temos que sumarlle a achega realizada pola Axencia Galega de Turismo de 30.000 euros e a cantidade que achegue, aínda sen determinar, a Deputación de Ourense”.

 

Programa

Os festexos arrancan en Verín co Xoves de Compadres (28 de xaneiro). Tras as típicas ceas nos restaurantes da localidade, ás 23:00 horas, Os «compadres» percorrerán, ataviados cos seus característicos chapeus, bigotes e gabardinas, a rúas. Logo continuará a festa.

De seguido, chegará o Domingo Corredoiro (31 de xaneiro), no que partir das 11:30 horas, o son de chocas alagará as rúas de Verín coa popular concentración de Cigarróns na Praza do Concello, e o saúdo dos mesmos aos fregueses á saída da misa.

Xa o 4 de febreiro será o turno do Xoves de Comadres, unha das citas máis multitudinarias do Entroido de Verín, que se conmemorará con actividades para os cativos pola mañá e moita troula pola noite.

No Venres de Compadreo (5 de febreiro) o “Capuchón” e a “Mascarita” serán os protagonista, a partir das 19 horas.

O Sábado de Entroido será o momento do bautizo do Cigarrón, a partir das 17 horas na Praza da Mercé; e o domingo, o día grande do entroido en Verín, será o turno do desfile de comparsas e carrozas a partir das 12.

O luns 8 de febreiro, os máis cativos serán os reis do carnaval. A partir de las 16:30 horas, terá lugar o tradicional entroido infantil con obradoiros, xogos e karaoke no Pavillón Municipal de Deportes.

E xa o Martes de Entroido, afrontaremos a recta final co derradeiro desfile de máscaras e disfraces a partir das 16:30 horas.

Todos estes días de festa numerosas charangas e orquestras amenizarán o Entroido en Verín, que porá o seu punto e final co Domingo de Piñata (14 de febreiro), no que haberá unha gran comida popular para os participantes nos desfiles.

 

Jaime Noguerol, pregoeiro o xoves de comadres

A concelleira de Turismo, Purificación Caldelas, confirmo tamén que o encargado de realizar o tradicional pregón o Xoves de Comadres será o xornalista, letrista musical, poeta e escritor ourensán Jaime Noguerol.

 

Novidades

Como novidade, este ano instalaranse colectores de lixo e sanitarios portátiles ecolóxicos (entre os que se inclúe un para persoas con mobilidade reducida) en puntos estratéxicos das zonas de maior afluencia de xente.

Tamén se presentou a nova web oficial do Entroido de Verín que substitúe á que tiña o Concello desde o ano 2001. “O que buscamos con esta páxina temática é, a parte de crear un espazo moito máis visual e intuitivo, ofrecer ao internauta toda a información que necesita saber sobre o Entroido de Verín”, explicou Vicente Rodríguez, un dos responsables do desenvolvemento da web.