Vibrante o partido disputado en Eiroás entre o Santa Teresita e a Unión Deportiva Ourense valedeiro para a 21ª xornada.

Enfrontábanse dous dos mellores equipos da competición. O local, Santa Teresita chegaba como segundo clasificado despois de estar boa parte da tempada na primeira posición. O visitante, a UDO, chegaba nunha liña ascendente que o situou no primeiro posto.

O encontro comezou cun forte ritmo no que os unionistas golpeaban primeiro co gol de Senén. Os locais non se amilanaron e foron a polo encontro, logrando en poucos minutos darlle a volta ao marcador. Mario e Rubén firmaban os goles do Santa Teresita. Lucas Nieto ao fío do descanso anotaba o empate a dous. O primeiro tempo rematou con ese resultado pero puido ser ben diferente se non foran repelidos polos paos sendos lanzamentos de cada equipo. Ademais o árbitro non concedeu gol da UDO nunha xogada moi protestada polo banco visitante e os seareiros que acompañaron á Unión.

Na segunda parte os de Antonio Dacosta dominaron máis o tempo do partido e lograron dous goles máis. Cristian Dacosta, tras un regate e remate coa perna esquerda, e Adrián, que marcou en todos os partidos que disputou, rematando só diante do porteiro certificaban a vitoria dos franxivermellos.

Clasificación
Con este resultado a Unión Deportiva Ourense é máis líder todavía. Con estes tres puntos suman 49 e deixan a catro a terceira posición, que a ocupa agora mesmo o Santa Teresita (45 puntos). Na segunda posición colouse o Arrabaldo, con 46 puntos.

Na cuarta posición está o Arnoia (44) e quinto e sexto, o Amoeiro (42) e Loñoá (40), respectivamente. Estes seis equipos serán os que pelexen polas dúas prazas que dan dereito ao ascenso á Primeira Rexional.

Vindeira xornada
Agora hai descanso polo Entroido. A Liga regresa o 14 de febreiro. Os encontros máis destacados desta xornada no grupo 9 da 2ª Autonómica son: UDO – Trives; Amoeiro – Velle; Pontedeva – Santa Teresita e o Arrabaldo – Arnoia.