A xornada número 16 da Primeira División de fútbol sala non foi a máis propicia para os intereses dos dous equipos ourensáns en canto ao resultado, pero sí que deixou boas sensacións nas dúas escuadras.

Envialia
O Envialia recibía neste primeiro partido da segunda volta ao Roldán equipo que está, xunto ao ourensán, loitando por entrar na Copa.
Os dous equipos buscaron a presión desde o principio para marcar o ritmo diante do rival. Foi no minuto catro cando Bea Seijas adiantaba ás locais ao transformar unha falta.

As visitantes non perderon o seu sitio e lograron, no minuto 12, devolver o empate ao marcador; Mayte Mateo de volea era a goleadora.

Na segunda metade o marcador non se movería a pesar das ocasións. Nos primeiros minutos as galegas e xa no tramo final as murcianas dispuxeron de ocasión para romper o empate. Ao final reparto de puntos entre dous rivais directos para entrar en Copa.
A vindeira semana as de Chipi visitan ao Móstoles.

Cidade
O Cidade As Burgas visitaba ao líder Futsi. Partido totalmente distinto ao da primeira volta na que as madrileñas golearan ás ourensás. Nesta ocasión a vitoria quedouse en casa pero con moito esforzo por parte do actual campión do campionato.

No minuto catro Ari adiantaba ás locais e no ecuador da primeira metade Iria facía o empate. Pero dous minutos despois Leti lograba o 2-1 co que se chegaría ao descanso.

No primeiro minuto do segundo tempo Amelia ampliaba a renda do Futsi e no 28 Desi deixaba practicamente sentenciado o choque (4-1). Pero as pupilas de Codeso lonxe de arroxar a toalla seguiron buscando o gol que lle dera a oportunidade de meterse no partido. E foi no 35 cando Sonia lograba o 3-2. Vane Sotelo un minuto despois deixaba a diferencia local na mínima expresión (4-3). As visitantes disporían de vantaxe numérica ao ser expulsada Leti, circunstancia que non souperon aproveitar para sacar algo positivo. Finalmente derrota con bo sabor, xa que lle plantaron cara ao primeiro clasificado.
A vindeira semana o Cidade xoga na casa diante do Poio.

Clasificación
O Ourense Envialia está sexto con 30 puntos, a un punto da cuarta posició que a ocupa o seu último rival, Roldán. Pola súa banda o Cidade é oitavo con 25 puntos a seis do cuarto.
O que parece claro é que o Futsi  (43 puntos) e Burela (41) son os dous equipos que se xogarán o título ligueiro. Tamén parece máis ou menos claro que o Alcorcón (37 puntos) será outro equipo que dispute a Copa. E por detrás un grupo de cinco equipos (Roldán, Rubí, Envialia, Alante e Cidade) que pelexarán polo último posto que da dereito a entrar na cita copeira. Aínda que certo é que a segunda volta acaba de comezar e calqueira cosa pode ocorrer.