O V Torneo Vila de Ribadavia contará coa ex ximnasta rusa Olga Kapranova.

O internacional de rítmica de Ribadavia esta Semana Santa

O V Torneo Internacional Vila de Ribadavia de ximnasia rítmica, organizado polo Club Marussia, terá lugar os días 24, 25 e 26 de marzo.

En canto á programación de este evento deportivo está previsto para o xoves 24 de marzo no Pavillón Municipal de Ribadavia a competición de conxuntos escolares, conxuntos de promoción e individuais. O venres 25 de marzo no Pazo dos Deportes “Paco Paz” será a quenda para a competición nivel base individual e federado individual. Por último, o sábado 26 de marzo de novo no Pavillón Municipal de Ribadavia, terá lugar unha Master Class de ximnasia rítmica impartida pola ex ximnasta rusa Olga Kapranova.

Para Pilar Vázquez (adestradora do Club Marussia) é de especial relevancia este tipo de evento deportivo para as ximnastas afirmando que é fundamental “promocionar este tipo de eventos, sobre todo, para que as nosas ximnastas poidan ver a ximnastas de máis nivel e compartir momentos con outras deportistas que non coñecen e nos que se crean fortes lazos deportivos que se van a afianzar no futuro”, afirmou a adestradora do Club Marussia. A entrada para asistir a este torneo é gratuíta, “espero que teñamos moita afluencia de público, que a xente se divirta, e vexa o que é o deporte da ximnasia rítmica, a súa dureza e exixencia”, sinalou Pilar Vázquez.

Esta quinta edición conta con máis de 700 ximnastas inscritas e preto de 100 adestradoras de 37 clubs de distintos lugares: Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid, A Rioxa, Castela-A Mancha, Valencia, Murcia, Portugal, Ucraína e Rusia. A participación de ximnastas neste evento deportivo foise incrementando ao longo das edicións, así, na primeira, participaron 165, na segunda 250, na terceira 500, e na cuarta 517.