Manuel Baltar participou no acto celebrado no colexio público da Merca, co que remataron as actividades da “2ª Semana Escolar da Árbore e da Auga”, na que participaron máis de 8.900 alumnos.

A Deputación celebra os días da Árbore e da Auga plantando carballos en 86 colexios da provincia

A Deputación celebrou este venres os días mundiais da Árbore e da Auga, que se conmemoran os vindeiros 21 e 22 de marzo, plantando carballos en 86 centros públicos de educación Primaria da provincia de Ourense, que foron os colexios que este ano participaron nas actividades de concienciación medioambiental organizadas polo goberno provincial no marco da “2ª Semana Escolar da Árbore e da Auga”.

Máis de 8.900 alumnas e alumnos dos diferentes centros educativos da provincia desenvolveron ao longo desta semana diferentes eventos literarios, culturais, educativos e medioambientais ao redor da figura dos bosques, as árbores e a auga. O remate destas actividades tivo lugarcoa plantación de 86 carballos en colexios da provincia de Ourense, árbores que foron bautizados cun nome cada un deles.

No caso do CEIP da Merca, ata o que se desprazou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, para participar nos actos, o carballo que plantaron os estudantes recibiu o nome de “Francisco”. Alí, xunto ao director do centro, Emilio Cañedo Seoane; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e o escritor Xosé Antonio Perozo, autor do libro entregado este ano aos colexios, Dona Pinga e do Carballo fan amizade, Manuel Baltar destacou a importancia “desta aposta da Deputación pola formación e a concienciación medioambiental dos máis novos”, subliñando “a magnífica resposta e colaboración de profesores e alumnos”.

Este ano, un total de 740 docentes realizaron actividades co seu alumnado e editouse unha Guía do Profesorado para que os docentes tratasen durante esta semana temas de preservación e concienciación medioambiental co seu alumnado.