O obxectivo mínimo de inserción é do 42%, o que vai significar un total de 25 insercións laborais.

O obradoiro ‘Aeva Emprega IV’ forma 60 desempregados

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou no Barco aos 60 alumnos e alumnas participantes no plan integrado de emprego da Asociación Empresarial de Valdeorras ‘Aeva Emprego IV’, unha iniciativa na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a destinar 144.000 euros.

Neste programa están a recibir formación especializada e personalizada persoas desempregadas en risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas con discapacidade e mulleres sen emprego, entre outros colectivos con especial dificultade para o acceso laboral. O obxectivo mínimo de inserción é do 42%, o que vai significar un total de 25 insercións laborais.

Esta iniciativa, que rematará en setembro, ofrece aos seus participantes itinerarios personalizados para mellorar a procura dun posto de traballo. A actuación está dirixida á inserción laboral das persoas desempregadas e ten como obxectivo o desenvolvemento de plans integrais que combinen accións de diversa natureza, como orientación e asesoramento, formación, prácticas laborais e mobilidade xeográfica. O programa establece uns obxectivos de inserción laboral dos traballadores que participan nel, tendo que acadar un emprego como mínimo o 25% dos participantes.

Marnotes explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou xa a convocatoria de axudas para este ano dos plans integrados de emprego que contan con  preto de 3 millóns de euros de orzamento para beneficiar a 1.600 persoas. O director xeral resaltou que “esta actuación está enfocada á colaboración cos concellos co fin de que poidan mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral dos veciños desempregados”.

Clausura do obradoiro ‘O Barco, Carballeda e Rubiá embelecen’

O director xeral, ademais, participou na clausura e entrega de diplomas do obradoiro ‘O Barco, Carballeda e Rubiá embelecen’, un programa no que 20 desempregados das tres localidades recibiron formación de calidade nas especialidades de albanelería, forxa e carpintería, obtendo un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional en traballos de carpintería e moble, operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e ferrallista. Os alumnos e alumnas accederon tamén a un emprego, realizando diversas melloras en diferentes espazos das tres localidades.