A ministra en funcións e o conselleiro de Cultura e Educación visitaron este luns o monumento.

Fomento destinará 1,8 millóns de euros ao Mosteiro de Melón

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, visitaron o Mosteiro de Melón, monumento no que o investimento de ambas as administracións ascende a máis de 4 millóns de euros. En concreto o Ministerio investirá 1,8 millóns de euros no desenvolvemento da primeira fase das obras de recuperación e rehabilitación do Claustro da Hospedaría do mosteiro. Este investimento súamse ao xa realizado polo departamento de Cultura da Xunta de Galicia nos últimos anos, que supera os 2,1 millóns de euros.

O proxecto é froito da política de colaboración entre administracións en prol da conservación dos bens sobranceiros do noso patrimonio. De feito, a Consellería asumiu a contratación e pagamento tanto do estudo arqueolóxico de depósitos como do proxecto da obra. Esta nova intervención enmárcase no Plan Director do Mosteiro. Nesta primeira fase o proxecto consiste fundamentalmente na rehabilitación das alas norte e oeste do claustro da hospedaría nas súas plantas baixa, alta e cuberta. Ademais, executarase a rehabilitación da porta exterior de acceso ao adro do mosteiro (torre leste) debido ao seu mal estado de conservación.

Na parte de entrada, no lado norte, crearase un vestíbulo con control de acceso, incorporando unha porta de vidro cara ao claustro, e recuperarase e sanearase o pavimento de granito existente. Na esquina noroeste disporase un núcleo de comunicacións verticais, con escaleira e ascensor, realizado en estrutura metálica, ocupando o lugar no que orixinalmente se dispoñía unha escaleira, hoxe desaparecida. No lado oeste crearase un único espazo, ao que se vinculará un núcleo de aseos.

No referido ao claustro restaurarase o pavimento existente, executando previamente unha rede de drenaxe así como as canalizacións necesarias en previsión de futuras instalacións. Así mesmo recuperarase a parte norte deste espazo facendo unha reinterpretación con materiais modernos respectando a xeometría e o ritmo do orixinal, dado que non se atoparon entre os restos existentes na parcela suficientes pezas como para a súa reconstrución cos materiais orixinais.