O PSOE, pola súa banda, levará a debate a modernización do Regulamento Orgánico de Goberno do Concello.

Democracia Ourensana pedirá  no pleno do próximo 1 de abril o cesamento inmediato do concelleiro de medio ambiente José Araujo Fernández.

Dende o partido de Gonzalo  Jácome explican que a empresa concesionaria do servizo de limpeza urbana e recollida do lixo, Ecourense-Ute, vén facturando mensualmente ao Concello a parte proporcional da anualidade pactada (que supera os 9 millóns de euros). Pero “moitos destes meses hai serias discrepancias cos técnicos do Concello e estas facturas acaban sendo minoradas sensiblemente”, denuncian.

A concellería responsable da  fiscalización deste serv izo é a de Medio Ambiente, liderada por José Araújo, cuxo sobriño político conseguiu un contrato de verán nesta empresa en 2015.

Agora, Ecourense-Ute decidiu “transformar en indefinidos os contratos de fin de semana de acordo co compromiso adquirido coa Inspección de Traballo”, e entre os beneficiados atópase o familiar do edil popular.

Algo que dende DO califican como “unha situación cunhas implicacións ao noso entender moi graves”. Por iso, “ante a necesidade de despexar calquera sombra de dúbida sobre a obxectividade  e honestidade do  labor de fiscalización e supervisión  que baixo a dirección do señor  Araujo debe realizar esa Concellería sobre a actividade da concesionaria que acaba de incorporar ao seu persoal ao seu sobriño político, entendemos que, nin por ética nin por estética, pode permanecer un minuto máis no cargo”.

 

O PSOE demanda modernización

O Grupo Municipal Socialista vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno co fin de reactivar o grupo de traballo para optimizar e modificar o Regulamento Orgánico de Goberno e Organización do Pleno e a Comisión do Pleno e a Comisión Especial de Suxestión e Reclamacións do Concello de Ourense, “a través do debate cos demais grupos políticos e acadando consensos para a regulación dalgúns procedementos municipais que hoxe en día se atopan obsoletos, non están incorporados, ou son revisables e mellorables”, explican os socialistas. “A realidade municipal descobre carencias e posibilidades de optimización que deberían ser abordadas en conxunto canto antes co fin de garantir unha maior seguridade xurídica, transparencia e axilidade de xestión”, conclúen.