De maneira inmediata finalizará o contrato asinado coa concesionaria do servizo ORA e o guindastre municipal.

OUeC pedirá en pleno a remunicipalización do servizo da ORA

Ourense en Común quere chamar a atención da corporación na inminente finalización do contrato asinado coa concesionaria do servizo ORA e o guindastre municipal para estudar a súa posible recuperación mediante xestión municipal.

Dende Ourense en Común afirman que camiñar e avanzar na recuperación da xestión directa de servizos como o da ORA e guindastre, a día de hoxe prestado polo grupo Vendex,  permitirá o “abaratamento e maior eficacia na súa prestación, unha mellora na súa calidade e nivel de cobertura e un maior control e participación social na súa xestión”.

Os datos de recadación do servizo para o ano 2014, únicos datos accesibles polo grupo municipal ao negar o Partido Popular acceso a auditorías e informes realizados nos últimos anos, sinalan desde OUeC, amosan que a concesión deste servizo municipal é deficitaria en termos de rendibilidade económica. Así é que recadáronse arredor dos 1.2 millóns de euros, un total lonxe do canon fixado a priori nos 1.4 millóns de euros.

Dende a organización municipalista apuntan tamén que “comparando o modelo en Ourense co de outras cidades próximas evidénciase que o servizo é deficitario tamén dende un punto de vista da execución técnica”. Así queren denuncian que o mecanismo de expedición de billetes “está obsoleto nas modalidades de pago en franxas á alza sen posibilidade de devolución que son abusivas para os usuarios e segrégase a oferta penalizando a residentes e persoas con mobilidade reducida”.

Carencias que apuntan existen tamén na propia concesionaria do guindastre que “situou o depósito de vehículos inmobilizados a varios quilómetros do centro urbano e probablemente estea a incumprir o prego en número de camións en rúa e outras inactividades”.

Ourense en Común fundamenta a necesidade do mantemento deste servizo nas recomendacións contempladas no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Concello de Ourense. Un documento que apunta a necesidade do mantemento do aparcamento regulado para favorecer a rotación naquelas zonas máis saturadas de tráfico. Con todo matizan que “os estudios apuntan á necesidade de manter a coñecida como ORA pero a modalidade da súa xestión e execución deriva dunha decisión política que neste caso debe valorar a eficiencia e a calidade do servizo hoxe inexistente”.

É por todo o anterior que dende Ourense en Común piden que se estude a posibilidade de que a xestión do propio servizo público sexa realizada de xeito directo polo Concello ou empresa pública sempre que haxa capacidade para iso. “Isto permitirá o seu abaratamento e maior eficacia na prestación do servizo, unha mellora que tamén será sensible na súa calidade e nivel de cobertura. Así é que aproveitando a finalización do contrato vixente, con todas as garantías xurídicas posibles cubertas, ábrese a posibilidade a estudar unha estratexia de remunicipalización así como unha actualización das necesidades que este deberá cubrir.”