Xosé Fernández Baltar, novo responsable local do Bloque, presentou as liñas de traballo e os retos que os nacionalistas afrontan neste novo período.

O BNG vén de presentar as persoas que conforman o seu novo Consello Local en Ourense ,ademais das liñas de traballo para este novo período que os nacionalistas dividen en tres eixos: recuperar apoio social na cidade, defender os intereses das veciñas e veciños de Ourense e desenvolver o proceso ADIANTE, de refundación do BNG para definir o nacionalismo do século XXI que Galiza necesita.

Recuperar o apoio social na cidade é o primeiro reto que se marca Xosé Fernández Baltar á fronte do novo Consello Local, reactivando a organización e os grupos de barrio e impulsando unha nova relación cos colectivos sociais e asociativos da cidade. “Para recuperar apoio social temos que demostrar que somos unha organización útil para as veciñas e establecer con elas novas formas de diálogo» expresa Xosé Fernández Baltar.

Como segunda prioridade, o Consello Local do BNG plantexa o reto de defender os intereses das veciñas e veciños de Ourense nunha etapa marcada por un goberno do Partido Popular «sen proxecto de futuro para a cidade e a falta de iniciativa política por parte dos principais grupos da oposición». Xosé Fernández Baltar reclamou para o BNG «un papel fundamental na política local, servindo de voz ás veciñas e de interlocución coa institución» engadindo que «non ter representación non vai impedir ao BNG presentar alternativas e propostas no Concello de Ourense como temos feito en moitas ocasións».

Xosé Fernández Baltar presentou o terceiro eixo de traballo das nacionalistas enmarcado no proceso ADIANTE que véen de ser presentado a nivel galego e no que o BNG dá inicio ao proceso de refundación chamado a definir o nacionalismo do século XXI que Galiza precisa. Neste sentido o novo responsable local afirmou que «temos un enorme reto en Ourense para recuperar o espazo social que xa ocupou o nacionalismo e traballaremos para falar e tecer redes e complicidades con todas as persoas e colectivos que defenden a necesidade de que Galiza decida o seu propio futuro».

Preguntado polos motivos que o impulsaron a asumir esta responsabilidades Xosé Ferández Baltar sinalou que «este é un momento difícil para o nacionalismo e cómpre que aumente o compromiso de todas e todos os nacionalistas, dende a humildade asumo a responsabilidade de coordenar este novo grupo de persoas ilusionadas con darlle ao nacionalismo o lugar que precisa que Galiza saia adiante».