A cor e a ledicia de África invadirán o Teatro Principal co sexto desfile Sisay, o sábado ás 20:30 horas.

O Teatro Principal acolle o sábado a sexta edición do desfile Sisay, nesta ocasión inspirado en África, nunha iniciativa a beneficio dos proxectos de Infancia e de Xuventude de Cruz Vermella en Ourense. O desfile, organizado polas esteticistas Pamela De Marco e Leticia Celaá, pretende escapar do “típico pase e pose” e crear un espectáculo de cor e de ledicia para todas as idades, con especial atención aos máis pequenos da casa. Este desfile, presentado no salón de plenos pola concelleira de Comercio, Ana Morenza, contará coa colaboración de moitas firmas de roupa da cidade, así como da axencia de modelos Luena.

“A idea é a de levar as nosas profesións a algo máis artístico e solidario”, comentaba De Marco na presentación, “e este desfile é unha boa causa”.As  entradas poderán adquirirse nos locais Pamela De marco Imaxe e no Leticia Celaá Beauty Lounge a un prezo de 5 euros. A gala terá lugar no Teatro Principal a partir das 20:30 horas.

O diñeiro recadado coas entradas irá destinado integramente aos máis de 14.000 participantes dos proxectos do Plan de Infancia e Xuventude de Cruz Vermella na provincia. Estes están destinados a apoiar as familias con nenos en idade escolar, tanto na compra de material coma en programas de actividades lúdicas e educativas, pero tamén para a xuventude, en programas de redución de condutas violentas, boas prácticas alimentarias, prevención de drogadicción e persoas infectadas co VIH.