Así llo confirmou a titular deste departamento da Xunta ao alcalde da localidade, nun encontro de traballo celebrado en Santiago

Medio Rural colaborará coa Gudiña no impulso do cultivo da castaña

A Consellería do Medio Rural colaborará co Concello da Gudiña no fomento do cultivo, comercialización, transformación e investigación relacionada coa produción de castaña neste municipio do oriente ourensán. Así llo confirmou a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, ao alcalde desta localidade, José María Lago, nunha xuntanza de traballo celebrada en Santiago.

Neste encontro o rexedor municipal e a conselleira analizaron diversas iniciativas relacionadas coa posta en valor e promoción deste produto, con vistas a incentivar a súa transformación e a plantación ordenada de castiñeiros.

Tamén acordaron colaborar para potenciar a investigación nesta materia e en especial a súa aplicación práctica para mellorar a comercialización deste produto, así como en materia xenética, entre outros posibles campos de traballo.

Outros asuntos abordados neste encontro estiveron relacionados coa potenciación do sector forestal, a prevención e loita contra os incendios nos montes e a mellora das infraestruturas de comunicación no termo municipal.