Permitirá abastecer o 60% da enerxía que precisan as súas instalacións de Santa Cruz de Arrabaldo.

Coren inaugura unha planta de biomasa

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, participou este martes na inauguración da nova planta de enerxía renovable de Coren, que permitirá utilizar os residuos gandeiros para dotar de enerxía ás instalacións do grupo en Santa Cruz de Arrabaldo. Estivo acompañado do conselleiro de Economía, Francisco Conde, do alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e do presidente do grupo Coren, Manuel Gómez Franqueira.

Feijóo referiuse a esta planta de biomasa como un exemplo de que a innovación e a colaboración público-privada poden conxugar o crecemento económico coa conservación do medio ambiente. “Grazas ao compromiso de Coren, de Energylab e do Inega, poñemos á disposición a primeira planta térmica de Galicia que emprega como combustible residuos avícolas”, dixo, ao que engadiu que esta planta cobre o 60% das necesidades térmicas do gran complexo de transformación que Coren ten en Santa Cruz de Arrabaldo; “é dicir, a mesma enerxía que consumirían ao ano 5.500 vivendas”. O investimento realizado alcanza os tres millóns de euros, dos que 500.000 euros foron financiados pola Xunta.

Feijóo salientou que “con esta planta se producirá unha enerxía que permitirá aforrar diñeiro sobre a enerxía tradicional” e evitarase a emisión á atmosfera de máis de 5.400 toneladas de CO2 ao ano. “En definitiva, con esta planta térmica demóstrase que os residuos agrícolas, forestais e gandeiros teñen valor como combustible, que o autoabastecemento enerxético con combustibles autóctonos é posible e que en Galicia hai espazo para empresas que propoñan solucións biolóxicas e tecnolóxicas para os residuos”, engadiu.

O presidente do Goberno galego citou durante este acto que a Estratexia integral de impulso da biomasa 2014-2020 está a impulsar a consolidación do sector enerxético galego e a valorizar os residuos forestais e gandeiros. “Estamos a falar dunha estratexia que ten como obxectivo principal xerar valor e emprego en todo o ciclo produtivo da biomasa en Galicia, desde os gandeiros e produtores agrícolas ata os propietarios de montes, pasando pola cadea de distribución e transformación e os instaladores de caldeiras de biomasa”, afirmou.

Así mesmo, incidiu en que o obxectivo desta Estratexia é que, a finais da década, Galicia estea aforrando cada ano 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles, crear 1.000 novos postos de traballo no ámbito da biomasa e mobilizar un investimento que roldará os 500 millóns de euros, valorizar 270.000 toneladas de biomasa anuais e evitar que se emitan á atmosfera 246.000 toneladas de CO2 ao ano.

Feijóo lembrou tamén que a Xunta está a apoiar a implantación de caldeiras de biomasa en domicilios, empresas e edificios administrativos, cunhas liñas de axudas que suman xa 30 millóns de euros. “