Para previr os incendios forestais en zonas próximas ao Parque do Xurés.

A Consellería do Medio Rural levará a cabo actuacións de mellora das infraestruturas de prevención e loita contra os incendios forestais no concello de Lobios. As accións previstas centraranse en áreas próximas ao Parque Natural da Serra do Xurés, para incrementar a protección deste espazo fronte a esta ameaza.

As obras consistirán na adecuación dunha pista forestal na que existen varios pasos de auga que é preciso substituír por atoparse en malas condicións. Esta vía resulta fundamental para mellorar o acceso a unha zona especialmente sensible en materia de afectación de lumes forestais.

O proxecto contempla o arranxo da pista, coa instalación de sumidoiros, mellora de cunetas e consolidación do propio camiño, mediante a achega de áridos nalgunhas zonas. Ademais, está prevista a construción das pontes necesarias para salvar os saltos de auga. Nunha primeira estimación, o orzamento de todas estas obras –que se atopan en fase de proxecto– roldará os 400.000 euros.