Vai dirixido a familias ourensás que desexen acoller nos seus fogares a menores residentes nos campamentos do Tinduf durante os meses de xullo e agosto.

O Concello de Ourense pon en marcha o programa «Vacacións en paz 2016» dirixido á acollida de menores saharahuis durante os meses de verán, xullo e agosto, e abre o prazo no que queda de mes -até o día 30- para que todas as familias interesadas poidan realizar as solicitudes a través do Rexistro Xeral. A cantidade de menores, con idades comprendidas entre os oito e os doce anos, dependerá do número de solicitudes que se procesen e dos preceptivos informes de idoneidade elaborados pola traballadora social do programa.

O programa, que leva desenvolvéndose no Concello de Ourense desde o ano 1996 en colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharahui, procura darlles a oportunidade aos menores dos campamentos de refuxiados do Tinduf de evitar os rigores do verán -50º á sombra- e sufagar os gastos de avión e autobús, así como integralos en actividades de lecer para reforzar os lazos con outros menores residentes na cidade.

Os beneficios para os menores do programa son múltiples, e van desde unha atención médica completa,  para un desenvolvemento físico saudable, unha alimentación máis variada á que limitan as extremas condicións do deserto do Sáhara, así coma os vencellos de amizade e afectivos que establecen na nosa cidade. Do mesmo xeito, é unha oportunidade única para escapar dunha zona en conflito: o pobo saharahui tivo que abandonar as súas terras vai 30 anos, actualmente baixo dominio de Marrocos e Mauritania. Hoxendía, a ONU estima que serán 200.000 os refuxiados nos campamentos do Tinduf (Arxel) en medio dun clima de tensións territoriais e escaramuzas bélicas.

Pola parte saharahui, será un departamento específico quen seleccione os menores para a acollida atendendo a criterios coma o rendemento académico, que sexan fillos de mártires de guerra ou teñan problemas de saúde que haxa que tratar.

Pódese consultar toda a información de Vacacións en Paz no programa de Inmigrantes e Emigrantes Retornados do departamento de Asuntos Sociais ou no teléfono 988.232.316.