Organizará reunións nos concellos de Vilardevós, Riós, Vilariño de Conso, Oimbra Laza, A Mezquita, Castrelo de Val, Verín, Monterrei e A Gudiña.

Xornadas informativas sobre as axudas á rehabilitación de vivendas

A Xunta continuará coas xornadas informativas sobre axudas á rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago, concretamente organizaranse reunións nos concellos de Vilardevós, Riós, Vilariño de Conso, Oimbra Laza, A Mezquita, Castrelo de Val, Verín, Monterrei e A Gudiña.

A área de rehabilitación dos Camiños de Santiago conta en 2016 cun orzamento total de 3,2 millóns de euros para actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios. Comprende as sete rutas do Camiño de Santiago en Galicia, incluíndo 107 concellos e preto de 500 parroquias.

Dadas as especias características de dispersión xeográfica desta Área de Rehabilitación Integral, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) levará a cabo charlas informativas na totalidade dos concellos incluídas na mesma, dirixidas aos titulares de vivendas susceptibles de beneficiarse das axudas deste programa, incluído no Plan RehaVIta, plan galego de rehabilitación, aluguer e mellor acceso á vivenda 2015-2020.

As axudas da ARI dos Camiños de Santiago consisten nunha subvención do 35 por cento do orzamento protexible, cantidade que será dun máximo de 11.000 euros por vivenda.

Poden beneficiarse das mesmas todas as vivendas que cumpran os requisitos e estean emprazadas nas parroquias polas que pasan as sete rutas do Camiño de Santiago. Nas zonas urbanas e de acceso ás vilas e cidades o ámbito queda limitado ás vivendas emprazadas no trazado do camiño.

Consideraranse actuacións protexibles a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en vivendas, edificios de vivendas e vivendas unifamiliares a fin adecualas á normativa vixente.