O poeta e activista protagonizara o secuestro do transatlántico portugués, no que tantos galegos viaxaron a Venezuela.

Celanova conmemorará o centenario de Pepe Velo cunha exposición sobre o buque Santa María

Neste 2016 cúmprense 100 anos do nacemento de Xosé Velo Mosquera, e para axudar a difundir un pouco máis a súa figura entre celanoveses en particular e galegos en xeral, a Secretaría Xeral de Cultura, o Concello de Celanova e a Fundación Curros Enríquez prepararon un programa de actos. O máis destacado será unha exposición  na que estará presente unha maqueta de dous metros do Santa María, o buque portugués que Velo secuestrara no medio do océano Atlántico para denunciar ante o mundo as dictaduras de Franco e Salazar.

Segundo explicou o biógrafo de Pepe Velo e técnico municipal de Celanova, Antonio Piñeiro, a mostra abordará “a dimensión social” deste transatlántico, na memoria de tantos celanoveses, ourensáns e galegos que emigraron a Venezuela. Actualmente a exposición está en fase de produción por parte da Fundación Curros Enríquez, que tramita co Museo de Pontevedra –onde está depositada a réplica do barco -. A intención é que estea aberta ao público, na Casa dos Poetas, nos meses de verán, para posibilitar que sexa visitada polos emigrantes.

Ademais, os actos conmemorativas contarán cunha xornada dedicada aos escolares o 11 de maio, e un ciclo audiovisual, coa proxección dos documentais de Xan Leira, Margarita Ledo e Francisco Manso. Así como un concerto de Carmen Penín de 2naFronteira, quen musicou varios poemas escritos polo propio Pepe Velo.

José Velo Mosquera foi cofundador das Mocedades Galeguistas, activo dinamizador cultural e político da sociedade galega en Caracas, poeta, xornalista, traductor e mestre de Matemáticas. Faleceu en 1972 no exilio en Brasil. O intelectual e activista Pepe Velo conta cunha rúa en Celanova desde hai 20 anos.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou na presentación deste centenario, que Pepe Velo “fixo un contributo á cultura galega que non debe pasar desapercibido”, non só en Celanova, senón tamén no resto de Galicia. De aí a importancia de que o seu centenario serva  “para actualizar a súa vida, a súa obra, o seu aporte en definitiva á construción colectiva de Galicia”.