En Ourense está convocada unha manifestación ás 12h dende a Subdelegación do Goberno e no Carballiño unha concetración ás 20h na Praza Maior.

Galiza Nova, mocidades do BNG, está a desenvolver unha campaña nas comarcas de Ourense e o Carballiño de apoio á folga estudantil do vindeiro 13 de abril, convocada por Erguer, organización unitaria do estudantado galego.

O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera,  afirmou que “esta non é só una mobilización contra os recortes do PP no ensino galego senón que tamén nos mobilizamos para derrubar definitivamente e toda a súa totalidade a LOMCE e impedir a aplicación do decreto 3+2”, que calificou de «ataque brutal contra o ensino público co que pretenden que a maioría do estudantado quede fóra do ensino e pecharlle as portas da universidade». Para Mera, “mentres no se derrogue totalmente a LOMCE e o 3+2 estaremos volvendo ao modelo educativo franquista, un retroceso de 50 anos co obxectivo de volver a un ensino máis españolizado e só para ricos.”

Segundo informan desde as mocidades nacionalistas, en ambas comarcas realizáronse repartos do material e xuntanzas informativas cos estudantes dos distintos centro de ensino medio. Fabián Freixedo indicou que “a campaña tivo unha extraordinaria acollida entre o estudantado e recabou o apoio de outros sectores da comunidade educativa, como o profesorado ou as nais e pais, afectados tamén por estas políticas de recortes.” Así mesmo, Fabián Freixedo informou das mobilizacións convocadas por Erguer para a propia xornada de folga ás 12h en Ourense perante a subdelegación do goberno e ás 20h no Carballiño na praza Maior.