O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela mantivo un encontro de traballo co alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández

San Cibrao incrementou en 70 horas o Servizo de Axuda no Fogar Dependencia

A Consellería de Política Social afonda na liña de reunións cos alcaldes galegos co obxectivo de mellorar a atención social e de servizos que reciben os cidadáns nos seus respectivos concellos a través da optimización dos recursos locais e autonómicos de ambas institucións.

Este martes, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse co alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández.

Na xuntanza, que tivo lugar nas dependencias de San Caetano, conselleiro e alcalde acordaron continuar coa colaboración emprendida entre as dúas institucións que beneficia a todos os colectivos da sociedade. Así, Rey Varela destacou o incremento de 70 horas no Servizo de Axuda no Fogar Dependencia, coas que se chega ao total de 912 horas das que se benefician un total de 26 veciños do municipio. Isto supón un ratio de atención do 99,67%.

Nesta liña, os dous líderes apuntaron cara posibles novas vías de colaboración nos eidos dos maiores, xuventude, familia ou infancia.