O PSOE adheriuse á iniciativa de recollida de sinaturas para que Ourense poida seguir a contar cunha Banda de Música Municipal.

Os socialistas instan ao Goberno local a desbloquear a situación da Banda de Música

O grupo municipal socialista solicita ao grupo de goberno do Concello de Ourense que desbloquee a situacfión da Banda de Música Municipal. Nunha reunión con este colectivo, os socialistas defenderon a postura de que “é unha agrupación con 130 anos de historia e nós sempre a apoiamos. O que piden é que o PP fale dunha vez con eles e lles diga se hai algo concreto sobre o seu futuro. Levan meses sen actuar e nunha situación económica delicada”.

Despois de pasados nove meses dende o último concerto da Banda de Música Municipal, «aínda non temos novas de que se vaia a firmar un convenio de colaboración coa Asociación Cultural Ricardo Courtier, que é a que representa á agrupación musical, e volve a falarse novamente dun prego de condicións para sacar a concurso».

O grupo socialista xa manifestou a súa adhesión á recollida de sinaturas de apoio á Banda Municipal de Música que están a levar a cabo distintos colectivos e asociación do eido cultural da nosa cidade. Desde principios de marzo xuntáronse xa unhas 1.500 sinaturas.

O PSOE esixe que en caso de que saia a concurso a contratación da Banda de Música Municipal, «o procedemento de contratación se leve a cabo coa maior transparencia posible e informando aos grupos políticos das condicións establecidas no mesmo».