O salón celébrase en Expourense ofrecendo máis de 40 actividades orientadas á prevención de riscos en distintos sectores.

Previsel pon en valor a formación como ferramenta básica para a redución da sinistralidade laboral

“Dotar ao empresariado galego da cualificación necesaria para xestionar a prevención nos seus centros de traballo e, deste xeito, poder reducir os accidentes laborais”. Con esta reflexión a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, presidía este mércores o acto de apertura de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, incidindo na importancia de promover empresas saudables para “seguir a reducir os accidentes no traballo e as enfermidades profesionais”.

A secretaria xeral estivo acompañada por outras autoridades como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o vicepresidente da Confederación Empresarial de Ourense, Alejandro Cruz, e a presidenta do Comité Asesor da feira e Directora do ISSGA, Adela Quinza, así como de membros do Padroado de Expourense e das organizacións presentes no salón. Todos eles destacaron a importancia deste evento único en Galicia orientado a fomentar a formación e o coñecemento das iniciativas saudables no tecido empresarial para fomentar a produtividade, competitividade e sustentabilidade, ademais dunha diminución dos custos sociais e sanitarios.

Previsel abriu as súas portas consolidado como punto de encontro formativo e de escaparate elixido polos máis de 40 expositores para visibilizar a unión dos esforzos de todos os axentes implicados na prevención para loitar contra a sinistralidade laboral. Administración, asociacións empresariais, empresas, sindicatos, equipos de emerxencia e colexios profesionais presentarán no salón as últimas novidades en normativas e servizos vencellados coa prevención e actuación en situación de emerxencia.

Nesta primeira xornada, unha das actividades que máis chamou a atención dos visitantes foi a conferencia sobre o emprego de drons no ámbito da seguridade e o control de riscos impartido pola Axencia Galega de Emerxencias, AXEGA, que ademais realizou unha exhibición dos dispositivos.

A edición deste ano de Previsel aposta pola especialización dos profesionais de sectores específicos como o persoal sanitario, os mergulladores, os profesionais do sector dos froitos secos e oleaxinosos ou os traballadores dos balnearios. Para estes últimos o ISSGA impartiu un obradoiro en prevención de riscos aos traballadores vencellados coa explotación das augas termais e minerais na que participaron empresas do sector procedentes de toda Galicia. Ademais, o sector primario tamén estivo presente grazas á presenza do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense e da Consellería de Medio Rural, que impartiron charlas formativas sobre a manipulación e aplicación dos produtos fitosanitarios, que recentemente cambiou de normativa.

O salón inclúe unha mostra centrada nos distintos departamentos de Protección Civil e Servizos de Extinción de Incendios, aínda que tamén están presentes os vehículos e a maquinaria da Deputación Provincial de Ourense e da Consellería de Medio Rural.