A aprobación no pleno de abril dunha moción de Ourense en Común, co apoio de PSdeG-PSOE e Democracia Ourensana, obrigaba ao Partido Popular a crear un grupo de traballo.

O contrato dos servizos municipais de ORA e guindastre, actualmente prestado polo grupo Vendex, está a piques de finalizar. Razón pola que o grupo municipal Ourense en Común presentou este xoves por rexistro unha instancia para apremar ao equipo de goberno a convocar o acordado grupo de traballo que entenden debería reunirse con carácter de urxencia. Unha moción de OUeC aprobada no pleno de abril co apoio de Democracia Ourensana e PSOE solicitaba a creación deste grupo.

Dende Ourense en Común insisten en que avanzar na xestión directa deste tipo de servizos permitirá o seu “abaratamento e maior eficacia na prestación, unha mellora na súa calidade e nivel de cobertura e un maior control e participación social na súa xestión”.

“É necesario o aparcamento regulado na nosa cidade? Só temos que comprobar as cifras de tráfico da Policía Local ou consultar o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Concello de Ourense para responder a esa pregunta”. Deste modo argumenta Ourense en Común a necesidade do mantemento do aparcamento regulado para favorecer a rotación naquelas zonas máis saturadas de tráfico. “É necesario repensar a mobilidade urbana no seu conxunto, implantación dunha travesía interna, aparcamentos disuasorios, redución de velocidades, pacificación de rúas, variación de sentidos no tránsito… e moitas outras accións que se cadra posibilitarán nun futuro a retirada destas zonas de aparcamento regulado. Con todo a día de hoxe provocaría un caos circulatorio no centro a súa supresión sen alternativa”.

Ourense en Común segue a apuntar o deficitario estado do servizo: “comparando o modelo de Ourense co de outras cidades próximas evidénciase que é deficitario, dende o punto de vista económico pero tamén da propia execución técnica. O mecanismo de expedición de billetes está obsoleto e as modalidades de pago en franxas á alza sen posibilidade de devolución son abusivas para os usuarios”. Carencias que apuntaban na súa moción existen tamén na propia concesionaria do guindastre que “situou o depósito de vehículos inmobilizados a varios quilómetros do centro urbano e probablemente estea a incumprir o prego en número de camións en rúa e outras inactividades”.