A conselleira visitou as obras que se están levando a cabo na zona de Mundil.

Medio Rural destina este ano 500.000 euros á concentración parcelaria de Cartelle

A Consellería do Medio Rural destina para este 2016 un orzamento de máis de 500.000 euros para seguir avanzando nas parcelarias da zona de Mundil e na de San Tomé, ambas no concello ourensán de Cartelle. Así o destacou a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ás obras que se están levando a cabo na parcelaria de Mundil, onde estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e a alcaldesa Mª del Carmen Leyte Coello.

A conselleira sinalou que a reestruturación parcelaria é fundamental para o despegue socio-económico do rural galego en xeral e do agro en particular, posto que permite a redimensión das explotacións agrogandeiras, facéndoas máis rendibles, sustentables e competitivas no mercado.

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia 2016. Neste senso, Ángeles Vázquez sinalou que as obras que se están levando a cabo na zona de Mundil consisten na colocación dos marcos das novas fincas, posto que xa está en fase de acordo firme. Así mesmo, subliñou que está prevista para o verán a toma de posesión das novas parcelas para que os veciños da zona xa podan facer uso das mesmas.

ZCP de Mundil e San Tomé

A concentración parcelaria de Mundil afecta a unha superficie de 885 hectáreas, pasando das 15.471 parcelas a 2.520 fincas, propiedade de 813 veciños. Actualmente atópase en fase de acordo firme e leva un investimento executado de 3,8 millóns de euros. Para este ano, está previsto executar unha obra de mellora de camiños por importe de 166.000 euros.

No caso da parcelaria de San Tomé, esta afecta a unha superficie de 1.719 hectáreas, propiedade de 1.090 veciños. Para este ano, a Consellería destina 360.000 euros para a execución da rede de camiños principais, sendo o investimento executado ata o de agora nesta zona de preto de 500.000 euros.

Concello de Cartelle

Este municipio ten xa 4.786 hectáreas concentradas nos cinco procesos abertos, que afectan ás zonas de Mundil, San Tomé, Cartelle, Vilar de Vacas e Santa Baia de Anfeoz. O investimento realizado neste concello é de preto de 10 millóns de euros, o que supuxo unha mellora das condicións estruturais destas zonas para os máis de 4.300 veciños.