Os homes de Gonzalo García de Vitoria buscarán sacar algo positivo dos dous primeiros partidos que se disputan en Burgos nesta primeira eliminatoria.

O COB comeza un playoff sen presión

Burgos e COB xogarán na primeira rolda para o ascenso ao mellor de cinco encontros. Os dous primeiros xogaranse en Burgos (venres 21 horas e domingo 19:15 horas no Plantío).

A eliminatoria chegará a Ourense no terceiro partido que terá lugar o xoves 28 ás 21 horas; en caso de que sexa preciso un cuarto partido tamén sería no Pazo, o domingo 1 de maio ás 19 horas. E se houbera que xogar un quinto, sería en Burgos o martes 3 de maio en horario por determinar.

Para o técnico cobista o Burgos fixo un gran equipo a pesar de que chegaron ao mercado moi tarde. Tamén García de Vitoria da como favorito nesta eliminatoria a Burgos. «Quedaron terceiros en Liga e por iso son os favoritos nesta eliminatoria», apuntaba o adestrador.

García de Vitoria espera nos dous primeiros partidos encontros moi tácticos no que «farannos defensas alternativas». O que ten claro é que a falta de presión dos seus xogadores para esta promoción de ascenso podelles beneficiar, xa que os casteláns leoneses parten como favoritos ao rematar terceiros na fase regular.