O alcalde de Ourense agarda unha reunión co administrador concursal, mentres oposición e sindicatos acusan ao Goberno municipal de “febleza” e “parálise”.

O conflito de Linorsa, en situación de impasse trala declaración de concurso de acredores

O alcalde de Ourense reunirase este martes de novo comité de empresa de Linorsa. Coa dirección falou este luns “para que aclarara a situación”, logo de coñecerse que o pasado 19 de abril presentou concurso voluntario de acredores. Pero a partir de agora con quen tratará é co administrador concursal, a quen xa lle solicitou unha reunión. “É con el con quen temos que ver que posibilidades temos, se ben é certo que (Linorsa) ten unha serie de obrigas; se o concurso se declarou con data 19, os días previos ao 19 teñen que ser pagados aos traballadores con carácter inmediato, igual que as obrigas a partir do día 19”, explicaba Jesús Vázquez. “Teremos que darlle uns días para que poida conquerir toda a información”, apuntaba o rexedor.

Unha situación de impasse que non é ben acollida nin por sindicatos nin pola oposición. CCOO emitía un comunicado o pasado venres no que lamentaba “a feble intervención do alcalde” e criticaba que non actuara “coa a celeridade, firmeza e a responsabilidade política precisa para que a empresa cedese a concesión, como si fixo a determinación de Abel Caballero en Vigo, intervindo con decisión para que a partir do 1 de maio, exerza a concesión outra empresa”.

Nesa mesma liña se expresaba a concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, que recordaba a “situación insostible” na que viven as traballadoras de Linorsa desde o mes de decembro, coa empresa adebedándolle “como mínimo dous meses e medio de salario”.  “ Non sabemos a que responde esta parálise absoluta. Están nunha situación totalmente extrema e precisan unha resposta xa”, reclamaba a edil de OUeC.

En Barbadás rescindiron a concesión

En Barbadás, onde Linorsa se encargaba da limpeza de todos os centros públicos dependentes do Concello, optaron por rescindir o contrato. “Hai mes e medio reunímonos coa dirección de Linorsa e conseguimos que pagaran os atrasos, excepto medio mes de decembro-explicaba o rexedor, o socialista Xosé Carlos Valcárcel- e decidimos rescindir a concesión”.

Abriron un prazo para que novas empresas se presentaran ao concurso e saíu elixida Elite, que empezará a prestar o servizo en maio, por un período de tres meses. As 12 traballadoras que se encargan da limpeza da casa consistorial, Casa da Xuventude, Escola de Música, polideportivo, os dous colexios e os dous centros de saúde do municipio serán subrrogadas pola nova concesionaria.  O Concello está elaborar xa un novo prego para adxudicar este servizo de limpeza por un período máis amplo.

“Nós fumos áxiles”, valoraba o alcalde de Barbadás, “e consideramos que a mellor solución era esta”. Con todo, Linorsa adebeda tamén os salarios de marzo e os deste mes de abril que está a piques de rematar. Valcárcel agarda que os traballadores sexan dos primeiros en cobrar no concurso de acredores, e en todo caso, “hai un aval importante” depositado no Concello de Barbadás, que, entende o político, sería suficiente para afrontar o pago destas nóminas.