O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias encargarase da redacción do proxecto de construción, así como a súa contratación e financiación.

O Concello de Ourense acaba de aprobar un protocolo de colaboración co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias para o desenvolvemento da permeabilidade na cidade. Este documento, que foi aprobado en xunta de goberno extraordinaria, contempla o primeiro paso necesario (a redacción do proxecto) para as melloras para dúas necesidades veciñais dentro da cidade: a ponte de Tarascón sobre a vía férrea e o paso inferior da rúa Ramón Puga.

“Estamos ante a certeza de que os compromisos que adquirimos coa ministra de Fomento, Ana Pastor, se plasman en realidades e non quedan en simples palabras, fixando que a contratación e financiación da redacción do proxecto, finalidade deste protocolo, correrá a cargo de ADIF nos términos que se recolla no futuro convenio regulador e sempre dentro das dispoñibilidades orzamentarias”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez.

Mediante este protocolo, o ADIF atende a petición do Concello de Ourense, analizadas e constatadas as necesidades veciñais, de permeabilizar a traza do ferrocarril, en dous lugares concretos. Na rúa Ramón Puga, por onde discorre a línea ferroviaria Zamora-A Coruña, localízase un paso inferior de gálibo e anchura reducida, que carece de beirarrúas. En Tarascón, por onde discorre a línea ferroviaria Monforte-Ourense-Vigo, localízase un paso superior á mesma no que non se poden cruzar dous vehículos e carece de beirarrúas. En ambos casos, o protocolo contempla as súas ampliacións e dotacións de beirarrúas.

Con este protocolo, establécense os compromisos para a cooperación entre ADIF e o Concello para realizar as actuacións previas que permitan a execución destas obras. Así, o Concello entregará a ADIF os estudos previos dos que dispoña para definir as obras a executar, mentres que o ADIF comprométese a redactar o proxecto de construcción de ditas obras, así como a ofrecer a súa colaboración na xestión de permisos e autorizacións necesarias para a súa execución dentro do ámbito das súas competencias.