Aprobado en Comisión de Pleno o informe técnico favorable coas máis de 15 emendas presentadas por Ourense en Común.

A Comisión de Pleno aprobou inicialmente este venres o borrador do regulamento da Mesa de Voluntariado Local, que deberá ser referendada no pleno do 6 de maio. Ourense en Común foi o único grupo en presentar emendas a esta Mesa.

OUeC celebrara en febreiro un encontro aberto á participación individual, e tamén con colectivos especialistas na temática, para mellorar a proposta do equipo de goberno de crear unha Mesa Local de Voluntariado. “Reunímonos daquela máis dunha decena de representantes de entidades e persoas a título individual, para debater o borrador de regulamento da Mesa Local de Voluntariado. Entendemos así que a Mesa de Voluntariado é un espazo para xerar sinerxias entre entidades que traballen no sector, por iso pensamos que un debate aberto é a mellor forma de enriquecer o regulamento, que ademais concorda coa liña de OueC, de dar voz ás partes implicadas”.

Entre as propostas engadidas, está un novo método de adopción de acordos, onde se prima o consenso antes que a confrontación. Tamén se recolleron entre as emendas, unha fórmula nova de convocatoria que favoreza a participación. Así como o aumento da periodicidade das xuntanzas da mesa, que pasaría a ser trimestral.

Superada a revisión xurídica do texto e aprobada inicialmente en Comisión de Pleno será a corporación ao completo a que o próximo venres 6 de maio teña que referendar a proposta para que a Concellería de Voluntariado a implemente tendo en conta as emendas presentadas por Ourense en Común.