A proximidade da igrexa parroquial e o velorio “fan necesario un espazo para aparcar”, explican.

O PSOE do Irixo demanda a construción dun aparcadoiro público no destro de San Cosme

O voceiro do Grupo Municipal Socialista no Concello do Irixo, Iago Fariñas, presentou, a pasada semana, unha moción para ser debatida no pleno instando ao Concello á adquisición do destro da reitoral da parroquia de San Cosme para a construción dun aparcadoiro público.

O socialista, fixo as xestións oportunas para confirmar que o patrimonio en desuso, e, neste caso, en estado de abandono, propiedade do Bispado, no Concello de O Irixo, está dispoñible para a venda, cesión ou arrendo con opción de compra, previa negociación e acordo entre as partes. “Polo tanto, se o Concello do Irixo ten interese e vontade de facerse coa titularidade de todo ou parte deste patrimonio, estarían dispostos a negociar dita transacción e do obtido na transacción, unha parte sempre se reinvestiría na parroquia, podéndose tamén negociar, como parte do pago, melloras por parte do Concello nas parroquias ou nas igrexas propiedade do Bispado”, explica Fariñas.

Os socialistas consideran que é “unha necesidade” a construción dun aparcadoiro nesta zona pola proximidade do velorio e da igrexa parroquial, “debido á gran concentración de veciños e veciñas e de vehículos que se produce cando hai un acto relixioso, especialmente cando hai un enterro”, explican.