O programa CaixaProinfancia atenderá 50 familias na primeira fase, que durará dous anos, e contará cun orzamento de 225.000 euros.

Concello, La Caixa e entidades sociais xa traballan da man na atención á infancia en risco de exclusión

A concelleira de Servizos Sociais, Sofía Godoy, o responsable da Área Social de La Caixa, Carlos Fernández Cárcoba, así como representantes de entidades sociais da cidade de Ourense, mantiveron esta semana a primeira reunión de traballo previa á posta en funcionamento en Ourense do Programa CaixaProinfancia para a atención á infancia en risco de pobreza e exclusión. Nesta primeira fase do proxecto, para o que se investirán 225.000 euros en dous anos, serán 50 as familias beneficiadas, aínda que o número irase ampliando paulatinamente en función das necesidades que detecten os servizos sociais do Concello de Ourense.

Na mesa de traballo déuselles a coñecer aos profesionais a carteira de servizos e as cinco grandes liñas de traballo que permitirán  responder as necesidades das familias atendidas e facer una óptima distribución dos recursos: Reforzo educativo, atención e terapia psico-social, educación non formal e de tempo libre, apoio educativo familiar e promoción da saúde, de forma que se coloque a nenos e nenas e poboación adolescente no centro da acción social favorecendo o seu desenvolvemento integral.

“O obxectivo é achegar todos os recursos e as axudas a quen máis o necesite”, sinalou a concelleira de Servizos Sociais, Sofía Godoy, “e para iso imos traballar man a man todos os profesionais implicados: os técnicos do Concello, da Obra Social de La Caixa e das asociacións que traballan neste campo”. As entidades participaron activamente da reunión para coñecer a fondo o proxecto de intervención que se levará a cabo, expoñer as súas dificultades e mesmo facer achegas para asegurar así a máxima eficacia e eficiencia dos resultados. Igualmente, un a comisión de traballo do programa nomeará un coordinador para que dirixa o traballo das diferentes entidades.

Por outra banda, o Concello de Ourense xa traballa para paliar a situación económica precaria das familias e facilitar a inclusión social dos menores con programas de “axuda de emerxencia social (alimentos, axuda de aluguer, gastos en material sanitario…), servizo de educación e apoio familiar, programa de valoración, orientación e información, campamentos de verán, campaña de reis, bolsas escolares para material escolar e de comedor escolar, ou actividades de conciliación e apoio escolar en centro cívicos e ludotecas, o servizo de apoio escolar a inmigrantes, vacacións en familia, servizo de orientación familiar e escola de nais e pais, programas de prevención de drogas e alcohol na mocidade, servizo de nutrición nos menús de comedores escolares, programa de prevención de acoso escolar e violencia sexista”, sinalou Sofía Godoy.