O estudo “Turismo Termal en España” é un traballo de investigación impulsado pola Escola de Organización Industrial.

Baltar remarca o termalismo como «panca de desenvolvemento en Ourense»

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, propuxo en Madrid, na presentación do estudo sobre “Turismo Termal en España” “levar a cabo un gran “pacto termal nacional” para promocionar o termalismo español no mercado mundial”. O presidente do goberno provincial destacou “as potencialidades e singularidades sociais e económicas que ten o termalismo “situando a Ourense como a provincia protagonista do turismo termal de España e un referente no turismo de ocio e saúde en Europa”.

Manuel Baltar remarcou o auxe do termalismo, “que é unha panca de desenvolvemento en Ourense, capital da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, subliñando como exemplo “a ocupación do 100 % das prazas en establecementos termais que se produciu na pasada Semana Santa na provincia ourensá”.

Precisamente, Mario Crecente, director do estudo, é o redactor do Plan Termal Provincial, promovido pola Deputación de Ourense, que realiza iniciativas como a de “Termalismo Social”, coa aplicación da administración electrónica como innovación, un éxito nacional da man do convenio entre Deputación de Ourense e Ministerio de Fomento a través de Renfe.

A isto únense, segundo Manuel Baltar, a construción de infraestruturas termais; programas para pór en valor as propiedades terapéuticas das augas mineiro-medicinais; as actividades socio-culturais que se realizan nas instalacións termais da provincia de Ourense; a investigación e a docencia por medio do Campus da Auga, “con retos e obxectivos compartidos polo goberno provincial e a Universidade de Vigo”, e tamén o impulso do “Termalismo Deportivo”, coa presenza de seleccións internacionais en instalacións termais ourensás. “Todo elo constitúen factores que visibilizan a marca Ourense e diversifican a oferta do termalismo da provincia de Ourense, propostas ás que agora se incorporan a piscina termal flotante de Laias e a viño-terapia en Leiro, innovacións para os novos tempos do noso termalismo”, dixo Manuel Baltar.

O acto de presentación do estudo, a cargo do Ministerio de Industria e coa colaboración da Deputación de Ourense, tivo lugar na Casa de Galicia, en Madrid, e contou coa participación do director xeral da Escola de Organización Industrial (EOI), Fernando Bayón; o director xeral de “Vuelta a España”, Javier Guillén, e o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.

O estudo “Turismo Termal en España” é un traballo de investigación impulsado pola Escola de Organización Industrial e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. O obxectivo do estudo, elaborado por Crecente e o seu equipo, é potenciar o subsector do turismo termal en España a través da identificación de novas oportunidades de negocio e a configuración dunha oferta turística novidosa e innovadora que axude a diversificar un sector maduro como é o do turismo.